o O rexidor subliña que dende a remisión dunha carta o pasado 9 de marzo non
recibiu resposta e solicita que o inmoble volva ser propiedade do Concello “para
acondicionalo e adicalo a un uso público”
O alcalde da Estrada, José López, asegura levar “máis dun
mes” á espera dunha resposta do Goberno central despois de enviar un escrito o pasado
9 de marzo á Dirección Provincial da Tesoureiría Xeral da Seguridade Social requerindo
que o terreo e a edificación do antigo centro de saúde, situado na Avenida de Santiago,
volvan ser titularidade municipal “para acondicionalo e adicalo a un uso público”.
Na misiva, o rexedor local fundamenta a súa solicitude na documentación recompilada,
“coa que se comproba a adquisición do terreo por parte da administración local por un
millón de pesetas no ano 1973”.
Dende ese ano, os terreos foron cedidos ao Ministerio de Traballo para a construción do
ambulatorio e, máis tarde, co traspaso de competencias ás comunidades autónomas, o
uso da edificación foi cedido ao Servizo Galego de Saúde ata novembro do 2020, data na
que se inaugurou o novo centro de saúde da Estrada. A partir de entón, o uso do inmoble
atópase en mans do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Lópezsinala que “na actualidade o edificio non cumpre a finalidade para a que o Concello
cedeu os terreos”, polo que esixe “que volva formar parte do patrimonio dos/as
estradenses”. Ademais, afirma que é consciente do “decadente estado” no que se atopa
o inmoble, pero sostén que “as obras de mellora e acondicionamento ten que facelas o
ministerio, que é de quen depende actualmente a propiedade mentres non chegue a un
acordo sobre a súa titularidade”.
O rexedor local contrasta esta “falta de interese por parte do Goberno central” coa
colaboración prestada noutros casos semellantes pola Xunta de Galicia, “con
procedementos que nunca duraron máis de dous meses”, como a reversión ao Concello
da Estrada dos terreos da estación de autobuses, do novo campo de fútbol ou da
superficie sobre a que se asentará a pista de atletismo.






































