o A concelleira de Educación e o profesorado destacan a “boa acollida” da iniciativa
“Dinamiza TV”, coa participación do alumnado de todos os centros educativos
estradenses
o Os 10 noticieiros realizados polos escolares publicaranse na canle municipal de
YouTube
A concelleira de Educación, Amalia Goldar, presentou esta
mañá a primeira edición de “Dinamiza TV”, un proxecto impulsado polo Concello en
colaboración con todos os centros educativos da Estrada para promover o uso do galego
no eido audiovisual.
Durante a presentación, a edil de Educación estivo acompañada pola coordinadora
estradense dos equipos de dinamización lingüística “Dinamizaestrada”, María Tato; e o
dinamizador do CEIP do Foxo, Alberto Bernárdez. Goldar agradeceu a implicación tanto
do alumnado coma do profesorado con esta iniciativa, que deu comezo no mes de
xaneiro, e consistiu na gravación de dez noticieiros en galego sobre diferentes contidos
por parte dos escolares de todos os centros estradenses co obxectivo de “incentivar a
práctica da lingua oral e escrita entre a mocidade, ademais de promover o uso das novas
tecnoloxías”.
Agora, unha vez rematada a montaxe dos vídeos, tarefa da que se encargou o estradense
Lucas Terceiro, serán publicados na canle de YouTube do Concello da Estrada. Mañá, ás
12.00 horas, será a quenda do noticieiro elaborado polo alumnado do IES Manuel García
Barros e, a patir de entón, subiranse tres vídeos á semana -cada luns, mércores e venres-
ata facer públicos os de todos os centros participantes.
A coordinadora local dos equipos de dinamización lingüística “Dinamizaestrada”, María
Tato, destacou a boa acollida do proxecto entre o alumnado, no que participaron
escolares de todos os cursos, e amosou o seu desexo de darlle continuidade a esta
iniciativa de cara a vindeiras edicións.







































