A Praza do Mercado reunirá a 30 acordeonistas
de seis escolas galegas o día 28 de maio

O Concello da Estrada, en colaboración coa escola da
agrupación estradense de baile tradicional Tequexetéldere, organizarán a primeira
edición do encontro de acordeóns “Teclas e Botóns”, que terá lugar o sábado 28 de maio
ás 19.00 horas na Praza do Mercado.
O mestre de acordeón da escola de Tequexetéldere, Suso Vaamonde, explicou durante a
presentación do espectáculo que o obxectivo é xuntar o alumnado de seis escolas
galegas, que vai “dende os 9 ata os máis de 70 anos de idade”, para que poñan en común
os seus coñecementos nunha actuación “conxunta e coordinada que agrupe ao
colectivo”.
O evento contará coa participación de 30 acordeonistas que interpretarán 12 temas do
folclore galego e terá unha duración aproximada dunha hora. Acompañarán aos
alumnos/as da Escola de Acordeón de Tequexetéldere os/as da Aula Permanente de
Música Tradicional, do Vicerreitorado do Campus de Pontevedra; o alumnado da Escola
Amigos da Música, de Salceda de Caselas; da Escola Municipal de Música e Baile
Tradicional do Concello de Outes; da Asociación Cultural “A Fuliada” de Betanzos; e da
Asociación Cultural “Hai que roelo”, de Cuntis.
Ademais, o acto contará coa colaboración do grupo de pandereteiras de Tequexetéldere,
que cantarán varios temas. En caso de chuvia, o evento trasladarase ao Teatro Principal
da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta