As finais autonómicas de minibasket e preminibasket
reunirán a 44 equipos na Estrada o 4 e o 5 de xuño

O alcalde da Estrada, José López, acompañou esta mañá
á secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto, Susana Fernández, e ao presidente
do EDM Baloncesto A Estrada, Alfonso Sanmartín, na presentación das fases finais
autonómicas de minibasket e preminibasket que acollerá A Estrada os días 4 e 5 de xuño
e que contarán coa participación de 44 equipos.
Na súa intervención, López quixo agradecer á Federación Galega de Baloncesto e ao EDM
Baloncesto a súa implicación para conseguir converter á Estrada na “capital galega do
minibasket” con eventos deportivos coma este, “un dos máis importantes no calendario
estradense”, que se vén celebrando “cun éxito absoluto” no noso municipio dende o ano
2014. Ademais, o rexedor local destacou o “importante retorno económico” que terá a
competición na Estrada, ao estimar que reunirá arredor de 3.000 persoas entre
deportistas, familiares e asistentes que, a maiores, este ano poderán gozar “como
actividade complementaria no noso Concello” da Feira da Sidra.
A competición, programada ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de abril entre
o Concello da Estrada e varias federacións galegas, desenvolverase nas tres pistas do
pavillón Manuel Coto Ferreiro de xeito simultáneo e empregarán a maiores a pista do
CEIP Figueiroa. Durante a fin de semana, de 9.30 a 19.30 horas, disputaranse 44 partidos
nos que se enfrontarán 44 equipos en total, 22 masculinos e 22 femininos, compostos
por nenos/as de entre 9 e 12 anos pertencentes á categoría preminibasket e á primeira
e segunda división de minibasket.
Pola súa banda, Susana Fernández agradeceu a colaboración “de todo o persoal do
Concello” para poder acoller aos deportistas da Federación “nunhas instalacións
fantásticas”. Neste eido, o alcalde avanzou que a próxima semana rematarán as obras de
acondicionamento da parcela da pista de atletismo para que ao longo do mes de xuño
poida dar comezo a construción das instalacións, o que permitirá que “A Estrada sexa un
referente do deporte a nivel autonómico”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta