A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 23 traballadores temporais, entre persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión perceptoras da Risga, en seis concellos das bisbarras das Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha achega de 286.708 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá desta nova concesión de traballadores a prol dos concellos, orientada a reforzar os servizos públicos municipais e a garantir a inclusión social destas persoas sen emprego, tras unha reunión celebrada no edificio administrativo de Campolongo na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño.
“Tras as importantes axudas outorgadas aos concellos da provincia para a contratación de socorristas e de persoal para prevención de lumes forestais a través do programa Aprol Rural, dende a Xunta volvemos a colaborar coas administracións locais, neste caso favorecendo a contratación de persoas en risco de exclusión que se adicarán, principalmente, a tarefas de limpeza e obras públicas, o cal redundará no seu crecemento persoal e integración social e tamén no interese xeral coa mellora e reforzo dos servizos públicos”, detallou o representante autonómico.
Os concellos de Lalín e A Estrada, con 10 e 5 traballadores, respectivamente, son os municipios máis beneficiados da zona e recibirán un apoio económico da Xunta de 112.844 euros e de 74.522 euros para sufragar os seus salarios. Ademais, tamén se outorgaron axudas para os municipios de Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada. Todos os traballadores terán un contrato por espazo de nove meses e unha xornada do 75% do réxime xeral.
|
Resolución da liña de axudas para a contratación de perceptores da Risga |
||||
|
Concello |
Perceptores Risga |
Traballadores |
Axuda |
Servizo |
|
Lalín |
78 |
10 |
112.844€ |
Administración e Obras |
|
A Estrada |
34 |
5 |
74.522€ |
Mantemento de espazos |
|
Silleda |
8 |
2 |
23.028€ |
Mantemento de vías |
|
Vila de Cruces |
7 |
2 |
27.625€ |
Coidado de espazos verdes |
|
Forcarei |
2 |
2 |
29.212€ |
Obras públicas |
|
Agolada |
9 |
2 |
19.474€ |
Limpeza e mantemento |
Deste xeito, e tras a resolución destas tres derradeiras ordes de emprego temporal para o reforzo dos servizos públicos e o favorecemento da inclusión laboral, os oito concellos destas comarcas van poder incorporar de inmediato a 48 persoas para tarefas de socorrismo, prevención de lumes forestais co Aprol Rural ou as encomendadas individualmente na liña do Risga grazas a unha achega global de 523.990€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.







































