O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou esta
mañá no Concello a iniciativa “DixitArte”, unha galería virtual creada en colaboración coa
Fundación Cultural da Estrada na que se difundirán os traballos de artistas gráficos
estradenses co obxectivo de promover a cultura local.
Na súa intervención, Juan Constenla destacou que “grazas aos recursos da Estrada
Dixital” foi posible materializar este proxecto, que permitirá “ofrecerlle aos creadores
estradenses unha canle de difusión para poñer en valor a súa obra” facilitando o acceso
aos seus traballos “dende calquera lugar” e “durante todos os días do ano”.
Xunto co edil de Cultura, na presentación do proxecto participaron o responsable técnico
da páxina web, Javier Ramos; e o pintor estradense Manuel Fragoso. Ramos explicou que
a páxina web, que xa está operativa baixo o dominio de www.dixitarte.aestrada.gal, “está
creada dunha maneira moi sinxela e visual” para facilitar o seu manexo por parte dos
usuarios “en calquera tipo de dispositivo”.
O autor elixido para inaugurar a galería virtual foi o pintor estradense Manuel Fragoso,
aproveitando a súa recente exposición “Soños Rotos” na Sala Abanca da Estrada.
Aqueles/as que entren na páxina web poderán atopar información biográfica sobre o
artista, unha selección da súa obra coas características técnicas de cada composición e
mais o seu enderezo electrónico para facilitar que os/as visitantes que desexen mercar
algún dos seus traballos contacten con él.
Todos/as os/as artistas estradenses que o desexen poderán formar parte deste
escaparate dixital. Para iso, deberán poñerse en contacto coa Fundación Cultural da
Estrada ou co Departamento de Cultura do Concello. Constenla sinalou que a idea é “que
ao longo do ano se poidan ir sumando máis artistas a esta iniciativa”. Nesta liña, na
presentación anunciaron que durante os vindeiros días incorporarase á galería virtual
unha selección de fotografías da artista estradense Marga Fraga.







































