A Estrada converteuse esta fin de semana, por
segundo ano consecutivo, na capital dos berries galegos. O Novo Mercado da
Estrada acolleu a II Feira dos Froitos Vermellos, que supera o éxito da edición
de 2021 cunha cita que duplica as dimensións da anterior.
A feira, organizada polo Concello da Estrada e a Asociación Berries Galicia,
contaba este ano con máis do dobre de postos que en 2021. Un éxito que
tamén se trasladou á asistencia, así como ao produto ofrecido, que se rematou
durante esta mañá.
A organización da cita sinala a súa importancia para dar a coñecer este produto
galego e as posibilidades de elaboración. Na feira, ademais de probar e mercar
os produtos de forma natural, tamén se puideron descubrir distintas
preparacións con froitos vermellos.
Dende as 10:00 da mañá, un total de 16 produtores de froitos vermellos e
elaboradores de produtos abrían os seus postos ao público. Na inauguración da
feira estiveron presentes Silvestre José Balseiros Guinarte, director xeral de
Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; José López, alcalde do
Concello da Estrada; Óscar Durán, concelleiro de Promoción Económica do
Concello da Estrada, Miguel Óscar Rancaño, concelleiro de Sanidade, Turismo e
Relacións Institucionais do Concello da Estrada e Ramiro Touceda, presidente
de Berries Galicia.
A cita contou tamén cun DJ, unha degustación gratuíta de froitos vermellos
frescos, produtos elaborados e cócteles así como o sorteo dunha cesta de
froitos vermellos entre as persoas que compraron no mercado. Ademais, o
público tamén puido desfrutar dun showcooking con froitos vermellos así como
unha degustación gratuíta de cócteles sen alcohol.
Ata a feira achegáronse tamén persoas interesadas en cultivar froitos vermellos,
que puideron obter información no posto da asociación Berries Galicia.
Participantes na II Feira dos Froitos Vermellos
Concretamente, participarán os seguintes produtores de froitos vermellos: Os
Arandiños (Vilalba), Finca Arandeiras de Ferraces (A Baña), Finca A Estoxa (A
Capela), Biogalaica 2011 S.L. (Palas de Rei), Finca San Miguel (San Cristovo de
Cea), Ecoarándano (Santa Comba), Terras do Norte (Castroverde), Berries do
camiño (Lugo), Frutas y Hortalizas Río Ulla S.A.T. (A Estrada), Susana Refojo
(Dodro), Finca do Muíño de Cuíña (Lalín), Biofruitgalicia (A Estrada) e Finca de
Teo (Teo).
Respecto das empresas que utilizan os froitos vermellos como materias primas
acudirán a pastelería Mimela e Casa do Pan, ambos de A Estrada, así como as
marmeladas de Nela Gourmet (Ourense).







































