O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla,
anunciou hoxe que o Concello da Estrada vén de presentar en prazo un escrito que recolle
26 alegacións contra o proxecto do parque eólico Pedra Longa, que contempla a
instalación de tres aeroxeradores en terreos da parroquia de Liripio e que afectaría
tamén, aínda que en menor medida, aos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade.
As alegacións foron elaboradas por técnicos especializados e remitidas á Xefatura
Provincial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Pontevedra. Nelas, o
Concello da Estrada pide a retirada definitiva do proxecto ao consideralo incompatible
cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e turísticos presentes na súa área de
influencia. Ademais, o escrito fai fincapé na imposibilidade de avaliar correctamente o
impacto ambiental do parque eólico debido á fragmentación no tempo de distintos
proxectos sectoriais.
Para a elaboración das alegacións, o goberno local tivo en conta as aportacións da
veciñanza logo de reunirse o edil de Medio Ambiente coas persoas afectadas o pasado
venres. Entre as razóns que esgrime o Concello para oporse ao parque eólico atópanse o
seu incumprimento da lexislación ambiental española; o incumprimento da distancia
mínima entre os aeroxeradores e os núcleos de poboación máis próximos (Quinteiro da
Arca, Carballo, Xestas, Graña de Cabanelas e Cabanelas); os efectos negativos que pode
ter a súa construción sobre a calidade das captacións de auga; as incoherencias que
presenta o Estudo de Impacto Ambiental sobre a afectación do parque a zonas de
protección de avifauna; a ausencia dunha campaña de medición de ruídos previa para
determinar o seu impacto acústico; e os seus efectos sobre as comunidades de cabalos
salvaxes da zona, que pode supoñer o seu desprazamento e afectar de maneira
considerable á Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada de Interese Turístico
Internacional.
Mañá será o último día para presentar alegacións contra a instalación deste parque
eólico.
O Concello presenta un escrito con 26 alegacións
contra o proxecto do parque eólico Pedra Longa
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































