López destaca o “éxito absoluto” do Mercado de
Verán 2022 e celebra o seu retorno no comercio local

O alcalde da Estrada pon en valor o traballo de ACOE e dos comercios participantes
para lograr un “extraordinario resultado”, posible grazas á subvención
extraordinaria de 135.000 euros aportada polo goberno loca

O alcalde da Estrada, José López, celebrou esta mañá o
“éxito absoluto” do Mercado de Verán 2022, organizado pola Asociación de
Comerciantes da Estrada (ACOE) coa colaboración do Concello, que celebrou a súa
terceira edición durante os días 19, 20 e 21 de agosto.
Esta iniciativa é posible grazas á subvención extraordinaria que vén aportando o goberno
local á asociación de comerciantes por terceiro ano consecutivo dende o comezo da
pandemia, este ano cunha contía de 135.000 euros adicada a financiar campañas que
fomenten o consumo de proximidade en diferentes épocas do ano como o verán, a “volta
ao cole” ou o Nadal.
O rexedor local quixo felicitar a ACOE e aos 22 comercios locais participantes polo
“extraordinario resultado”. “É unha fórmula que está funcionando con moito éxito, proba
disto é que durante a fin de semana A Estrada estaba totalmente chea de xente, moita
dela visitantes que acudiron ao noso municipio dende diferentes puntos de Galicia”,
asegurou López.
“Nunha das fins de semana máis complicadas do ano en canto a vendas, na que a xente
adoita preferir desprazarse cara a costa, conseguimos un retorno moi positivo tanto no
propio mercado como nas rúas do casco urbano recentemente humanizadas”, engadiu o
alcalde.
Logo de manter conversacións coa asociación de comerciantes, López tamén constatou
a boa acollida entre a veciñanza e os visitantes doutras iniciativas que presentou esta
edición do Mercado de Verán como o parque infantil, a cafetería ou a degustación de
produtos de 11 produtores locais. “Esta é a liña, temos que seguir apostando por
iniciativas coma esta que axuden a dinamizar a economía local e apoien tanto a
comerciantes como a produtores da nosa comarca”, asegurou o alcalde.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.