O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
esta mañá un novo ciclo de actividades culturais no rural, que se retoma despois de dous
anos de parón pola pandemia baixo o nome “Un cómico na aldea” e inclúe 40 eventos
espallados pola meirande parte de parroquias estradenses.
“Levamos tempo achegando parte da nosa programación cultural ao rural e este ano
farémolo con máis forza ca nunca da man desta iniciativa especial e ilusionante, con
eventos para todos os públicos e cun importante protagonismo dos artistas estradenses,
para conseguir que sexa partícipe das actividades que estamos a impulsar desde o
Concello a maior cantidade da veciñanza posible”, asegurou Juan Constenla.
O edil de Cultura tamén explicou que coa elección do nome “Un cómico na aldea” para
denominar a este novo conxunto de actividades culturais preténdese homenaxear o 30
aniversario da publicación do libro “Un médico na aldea”, do autor estradense Manuel
Reimóndez Portela.
As primeiras actuacións enmarcadas neste ciclo terán lugar durante a fin de semana do
24 e 25 de setembro con funcións nas parroquias de Orazo -dentro da súa mostra de
teatro afeccionado-, Santeles e Riobó, e extenderase ata marzo do 2023.
“Un cómico na aldea” incluirá 40 actividades culturais de teatro, novo circo, narración
oral, monólogos, maxia, música e roteiros literarios, que se celebrarán nas escolas e locais
sociais das seguintes 38 parroquias: San Andrés de Vea, San Xurxo de Vea, San Xulián de
Vea, San Xiao de Vea, Cora, Couso, San Miguel de Barcala, Frades, Toedo, Santeles,
Matalobos, Paradela, Arnois, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Riobó,
Berres, Moreira,
San Pedro de Ancorados, San Tomé de Ancorados, Curantes, Rubín, Callobre, Cereixo,
Vinseiro, Lamas, Pardemarín, A Somoza, Tabeirós, Montillón, Nigoi, Parada, Ribela,
Codeseda, Sabucedo, Ouzande e Guimarei.
A totalidade das compañías e dos/as artistas que protagonizarán o ciclo cultural son
galegos/as e, na súa maioría, estradenses. O apartado teatral contará coas
representacións de Disfunción Continua, As Lerchas, Bandullo Azul, Grupo Chévere,
Teatro da Zarabándula e da Escola Municipal de Artes Escénicas. O novo circo estará
representado polo Mimo Nono e por Isabel Risco. O ciclo tamén contará coas narracións
orais de Quico Cadaval, Cándido Pazó, Celso Sanmartín e Lois Pérez. Completarán a oferta
cultural os monólogos de Isi e do Padre Xiao; o espectáculo de maxia de Manolo do
Atlético e o Mago Toño; a actuación musical de Pablo Chichas e Miguel Guido; e os
roteiros literarios que se levarán a cabo no Pazo de Oca e no Areal de Berres.






































