A EMAE estreará a comedia “Pastel de Escarapote”
os días 8 e 9 de outubro no Teatro Principal

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
esta mañá no Teatro Principal da Estrada a obra “Pastel de Escarapote”, unha comedia
que estreará a Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) os días 8 e 9 de outubro.
Na súa intervención, Constenla destacou o papel da Fundación Cultural no noso
municipio, “protagonista da maioría da actividade cultural e formativa que ofrece o
Concello”, e animou á veciñanza “a achegarse a gozar do moito talento que engloba este
elenco de auténtico luxo que se subirá ao escenario”.
Durante a presentación do espectáculo, o edil de Cultura estivo acompañado da directora
da obra, Marián Mañobre; do xerente da EMAE, Xosé Lueiro; e de gran parte do seu
elenco. Marián Mañobre agradeceu o convite da EMAE para participar neste proxecto e
destacou “a gran familia teatral que existe na Estrada, na que se xeneran moitas sinerxías
entre artistas como é o caso deste espectáculo”.
O elenco da obra está formado polos exalumnos da EMAE Chelo do Rejo, Cristina
Andrade, Pablo Chichas e José Antonio Valcárcel; e pola profesora da escola Anabel Gago,
que estarán baixo a dirección da responsable da compañía Ibuprofeno Teatro, Marián
Bañobre, coa colaboración de Lorena Rozados como axudante de dirección. Ademais, a
representación contará coa música en directo dos seguintes compoñentes do Obradoiro
de Música Moderna Carlos Barruso: Juan Núñez, Manuel Castedo e Pablo Bernárdez.
Chelo do Rejo aproveitou para agradecerlle a Xosé Lueiro o seu labor “para facer medrar
o teatro dunha maneira ou doutra” e fixo fincapé en que “sen él, moitas destas cousas
non poderían poñerse enriba dun escenario”. A estas palabras sumouse logo o resto do
elenco, asegurando que “Lueiro é o que nos empurra e o que nos apoia para abrirnos as

portas dun teatro moi vivo”, e referíronse ao espectáculo como “unha proposta moi
divertida, dinámica e viva para que a xente ría e goce moito”.
Lueiro quixo poñer en valor a adaptación do texto da obra levada a cabo por Santi
Cortegoso. “Este proxecto naceu hai dez anos na miña cabeza e quedou caduco”,
asegurou, e engadiu que a adaptación “dotou a obra dunha perspectiva de xénero con
personaxes femininas empoderadas”. O xerente da EMAE tamén destacou a colaboración
do escultor estradense Manolo Vilaverde.
Esta comedia teatral estrearase con dous pases no Teatro Principal da Estrada: o sábado
8 de outubro, ás 21.00 horas; e o domingo 9 de outubro, ás 19.00 horas. Logo destas dúas
funcións, realizará unha xira polas parroquias estradenses.
As persoas que desexen gozar deste espectáculo poderán recoller as súas entradas, cun
prezo de cinco euros, a partir do luns 26 de setembro no Departamento de Cultura do
Concello e en Calzados A Esquina.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.