o Estas novas propostas súmanse ás actividades do Concello para a prevención da
dependencia, musicoterapia, piscina e arteterapia, das que se están a beneficiar
máis de 500 persoas
o A edil de Benestar Social, Amalia Goldar, destaca que “con esta iniciativa non só
aumenta a oferta municipal de actividades, senón que tamén se incrementan os
servizos adicados a persoas con algún tipo de discapacidade”
A concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar,
anunciou esta mañá que o seu Departamento porá en marcha dúas novas actividades de
pintura e de ximnasia dirixidas ás máis de 150 persoas xordas e con discapacidade
auditiva empadroadas no municipio co obxectivo de facilitar a súa integración social.
Durante unha reunión celebrada esta mañá no MOME xunto con técnicos e usuarios/as
da Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a edil aproveitou para comunicarlles
a noticia e ter en conta as súas preferencias á hora de programar as novas actividades.
Goldar asegurou que con esta iniciativa “non só aumenta a oferta municipal de
actividades, senón que tamén se incrementan os servizos adicados a persoas con algún
tipo de discapacidade atendendo ás súas demandas”, e explicou que “nun principio estas
actividades desenvolveranse desde outubro ata decembro, pero a idea é mantelas ao
longo do 2023 se gozan dunha boa acollida entre os participantes”.
A actividade de pintura terá lugar os martes, de 10.00 a 12.00 horas, nas instalacións da
Asociación Galega das Artes; e a de ximnasia desenvolverase os venres, ás 10.30 horas
no Novo Mercado. Aquelas persoas con dereito a beneficiarse destas actividades que
desexen participar poderanse inscribir a partir de mañá no Departamento de Servizos
Sociais de 9.00 a 14.00 horas.
Esta iniciativa nace do compromiso do Concello de programar actividades de carácter
lúdico e social adicadas a este colectivo ao abeiro do convenio asinado coa FAXPG no mes
de xuño e das necesidades manifestadas polos/as usuarios/as ao longo de varias
conversas mantidas coa veciñanza.
Máis de 500 persoas participan nas actividades municipais
Estas novas actividades sumaranse á ampla programación do Concello da Estrada con
propostas de carácter lúdico e social, das que se están a beneficiar na actualidade máis
de medio milleiro de persoas repartidas entre o casco urbano e o rural estradense.
No caso das actividades dirixidas á prevención da dependencia para maiores de 50 anos,
que inclúen pilates, xerontoximnasia e un taller de memoria, estanse a desenvolver en
10 grupos no casco urbano e mais en 19 parroquias estradenses. Paralelamente, estanse
a celebrar a actividade de musicoterapia no Novo Mercado durante as tardes dos martes,
na que están a participar 60 persoas; e mais a de arteterapia, dirixida a persoas con
discapacidade intelectual, que conta con 14 participantes.
Ás anteriores sumarase a partir do 3 de outubro a actividade de piscina para maiores con
60 persoas inscritas; e as novas actividades de pintura e ximnasia que se impulsarán
desde o Concello dirixidas ás persoas xordas e con discapacidade auditiva, que comezarán
o vindeiro 4 de outubro.








































