«O alcalde ten que instar ao arcebispado de Compostela a que reconstrúa o pombal de Santo André de Vea»

A falta de mantemento e a choiva acabaron por derrubar, o pombal de Santo André de Vea, un dos elementos patrimoniais e arquitectónicos máis característicos desta parroquia. O pombal, así como a reitoral do que forma parte, é elemento arquitectónico protexido, e é propiedade da Igrexa.

O candidato do BNG, Xoán Reices, explicou que «o primeiro que debe facer o alcalde, coñecedor como é da situación, é acordoar a zona para evitar que se achegue máis do debido algún curioso ao pombal; evitar accidentes debe ser unha prioridade».

«Por outra parte», engade Reices, «o alcalde ten que instar ao arcebispado de Santiago de Compostela a que reconstrúa o pombal; a Igrexa terá a propiedade deste elemento, pero o pombal é patrimonio  de todos e todas, en especial dos veciños e veciñas da parroquia de Santo André de Vea.»

O candidato nacionalista afirma que «sabemos que o patrimonio dos veciños e veciñas da Estrada non ten ao alcalde entre os seus máximos defensores e protectores, só hai que ver en que situación na que se atopa a Torre e o Pazo de Guimarei, que tamén está en mans privadas; mais no BNG seguiremos turrando para que todo o noso patrimonio perdure no tempo e poidamos legalo ás xeracións futuras como un ben para o seu disfrute e como referencia que contribúa co resto do patrimonio a facer do noso concello un destino atrainte para visitantes».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.