Opina que o servizo que presta o Concello é “insuficiente” e que
polo tanto “é unha obriga moral manter a bonificación”. Indicou que
“se o PP fixera caso das nosas propostas e instalara o quinto
contenedor e os composteiros comúns no casco urbano, teriamos
aforrado centos de milleiros de euros no Canon”
Luis López Bueno considera “inxusto” que a Xunta de
Galicia e Sogama eliminen a bonificación do 10 % no Canon que os
Concellos galegos lle pagan a Sogama polo tratamento dos residuos.
O líder socialista indicou que “a rebaixa do canon vai ligada a unha serie de
obxectivos de reciclaxe que os Concellos debemos cumprir” e parécelle
“pouco serio” que a Xunta utilice “excusas de mal pagador” para retirar ese
incentivo á reciclaxe. Apuntou que “unha vez tomada a medida, non é de
recibo que se retire tan pouco tempo despois”.
O voceiro aposta agora porque o Concello “faga un pequeno esforzo
económico” e manteña os recibos bonificados xa que “existe marxe
económica para facelo”. Opina que é unha “obriga moral” manter a redución
acordada en 2019 porque “todos podemos ver que o servizo é claramente
insuficiente, sobre todo nas parroquias”. Tamén valora que “os veciños e
veciñas non deben pagar a pouca consistencia do criterio político da Xunta”.
López Bueno afeoulle ao PP da Estrada que leve case catro anos facendo
caso omiso das propostas do Grupo Municipal Socialista en relación coa
instalación do quinto contenedor e a utilización de composteiros comúns no
casco urbano. Asegurou que ademais de estar incumprindo unha obriga
legal “se o PP nos fixera caso teriamos aforrado centos de milleiros de euros
no Canon que se lle paga a Sogama, porque se enviarían moitas menos
toneladas”.
De igual maneira, tamén considera “vergoñento” que o PP fora incapaz de
sacar un novo contrato do lixo para que se produzan “melloras de verdade”
no servizo de recollida (sobre todo nas frecuencias e no mantemento dos
contenedores), e dubida de que o actual goberno sexa quen de sacar este
contrato no curto prazo.






































