Esta Concellaría declara que NON é certo que se deixara de achegarlles a medicación
aos usuarios e usuarias do servizo no fogar. As auxiliares a domicilio seguen
supervisando e acompañando a toma daquela medicación que os médicos lles
prescriben. O que deixou de administrarse é a medicación subministrada por xiringa, é
dicir, aqueles medicamentos que se poñen por vía subcutánea. Unha función que non
forma parte das súas obrigas e deberes profesionais e que debe ser supervisada por
persoal especializado.
Aínda que estas auxiliares viñan prestando este servizo ata o de agora co consenso de
familia, auxiliares e empresa; consenso que sempre respectou o Concello, diversos
informes provenientes de empresas de riscos laborais e de grupos sindicais poñen de
manifesto que a subministración de medicamentos por vía subcutánea non é unha función
das auxiliares a domicilio. É por tanto a lexislación laboral que rexe este sector a que
impide seguir co mesmo protocolo de actuación.
Logo de que a empresa concesionaria do servizo puxese en coñecemento do Concello a
dita modificación, a Concellaría de Servizos Sociais adiantoulle telefonicamente ás tres
familias afectadas o contido da carta que ían recibir para facilitarlles a adaptación a este
novo escenario. Paralelamente, solicitóuselle tamén á empresa concesionaria uns días de
marxe para facilitar o dito período de adaptación.
Recalcamos por tanto desde esta Concellería que non se está quitando ningún servizo ou
dereito. A prestación da subministración dos medicamentos inxectables por parte das
auxiliares non vén contemplado en ningún marco normativo. Aclaramos tamén que os
usuarios afectados por este cambio son usuarios que contan con apoio familiar polo que
non se produce en ningún caso unha situación de desamparo ou abandono, xa que cando
se realiza un proxecto de intervención por parte dun taballador ou traballadora social, ese
proxecto sempre analiza e ten en conta a contorna do usuario, acordándose a
intervención ou servizo que cubra o máximo das súas necesidades.
As informacións verquidas pola portavoz de Móvete demostran, pois, un evidente
descoñecemento das distintas modalidades de prestación da Lei de Dependencia,
confundindo a prestación do SAF con outros instrumentos de axuda no fogar como poden
ser as libranzas vinculadas ao servizo que son xestionadas directamente pola Xunta de
Galicia.
Este equipo de Goberno está a demostrar o seu firme compromiso co mantemento e
mellora da prestación do Servizo de Axuda no Fogar, un servizo que incrementará a partir
deste mes de decembro a partida de 1.054.000 mil euros que manexa anualmente para
que as persoas dependentes vexan mellorado o servizo e as auxiliares que desempeñan
este servizo poidan mellorar tanto as súas condicións salariais como a propia
organización do servizo que dispensan. As familias da vila sempre terán abertas as
portas da Concellaría para tratar ou consultar calquera cuestión que redunde na mellora
da calidade de vida das persoas usuarias deste servizo de axuda no fogar.