O presidente da Xunta, Alfonso
Rueda, destacou que coa prolongación da AG-59 os tempos de viaxe entre os municipios
de Santiago de Compostela e A Estrada se reducirán a 10 minutos sen pagar peaxes. As
obras para completar a autoestrada entre as dúas localidades comezarán o vindeiro ano e
contarán cun investimento de máis de 65 millóns de euros. “Van supoñer un antes e un
despois para as comunicacións e para a vida e a competitividade da Estrada e toda a
comarca”, resaltou Rueda.
Na presentación do proxecto na Casa do Concello da Estrada, ante representantes
veciñais e empresariais do municipio e da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, Rueda
explicou que no futuro os usuarios poderán facer o percorrido desde A Ramallosa (Teo)
–onde remata actualmente actualmente a autoestrada— ata o municipio en menos da
metade de tempo. Ademais, A Estrada situarase a uns 10 minutos da AP-9, é dicir,
integrada na principal columna vertebral do Eixo Atlántico.
Máis polo miúdo, Rueda explicou que as actuacións vanse levar a cabo en dúas fases: un
primeiro treito que unirá A Ramallosa e Pontevea –ao que se destinarán 33 millóns de
euros- e un segundo tramo de Pontevea ao Rollo, xa no concello da Estrada, e que terá un
investimento de 34,4 millóns de euros.
A finalización da autoestrada trátase, segundo explicou, dunha das obras máis agardadas
polos veciños da comarca e é un proxecto estratéxico para a Xunta. “Deixar a dez minutos
a capital galega dunha zona tan importante como é A Estrada é algo que había que facer”,
resaltou. Neste sentido, o titular da Xunta subliñou que vai supoñer unha mellora na
seguridade viaria; na vertebración territorial da comunidade e na competitividade da
Estrada, un concello que non só alberga importantes institucións como a Academia Galega
de Seguridade Pública ou o Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061 senón que é
un municipio cunha gran actividade industrial e comercial.
No vindeiro mes de xaneiro se levarán a cabo as expropiacións para executar a primeira
fase destas obras -o treito de 3,5 km- entre A Ramallosa e Pontevea e as actuacións
licitaranse ao longo do primeiro trimestre. “Dentro dun ano as obras deste treito xa estarán
en execución e o prazo previsto é de 20 meses”, indicou Rueda. Mentres, aclarou,
seguirase avanzando no proxecto das obras da segunda fase: outros 4 quilómetros entre
Pontevea e A Estrada.
En concreto, será unha infraestrutura tecnicamente complexa que vai incluír a execución
de tres viadutos -para salvar os ríos Santa Lucía, Ulla e Vea- ademais de sete pasos
inferiores e tres pasos superiores.
RUEDA DESTACA QUE COA PROLONGACIÓN DA AG-59 OS TEMPOS DE VIAXE ENTRE OS MUNICIPIOS DE SANTIAGO E A ESTRADA SE REDUCIRÁN A 10 MINUTOS SEN PAGAR PEAXES
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































