A veciñas e veciños de Berres puxéronse en contacto co BNG da Estrada para denunciar unha vez máis o nulo mantemento de Movistar das liñas de telefonía no rural. O candidato do BNG, Xoán Reices, explicou que «veciños da Mouteira en Berres levan máis dun mes cun poste da liña telefónica pousado sobre os cables a escasos metros do chan, interrompendo parcialmente a entrada dunha casa».
«O mantemento que fai Movistar das liñas de telefonía e fibra é nefasto», afirma Reices, «hai poucas semanas denunciamos a desfeita de Bouzamar en Vea, que finalmente arranxaron porque os veciños e veciñas quedaron incomunicados pola rotura dos cables». «Iso si», explica o candidato do BNG, «a cousa quedou a medias, xa que preto do Souto de Vea e en Santo André de Vea, os cables da fibra continúan polo chan».
Para o Reices esta situación é «intolerábel, non é de recibo este abandono das infraestruturas de comunicacións, que son claves en pleno século XXI». «Pero o grave é o desleixo do alcalde que literalmente pasa de todo», afirma Reices, «López é coñecedor desta situación, pero non move un dedo darlle un tirón de orellas a esta empresa que recibiu millóns de euros para levar a fibra ao rural, deixando os cables tirados, postes tirados, etc… un desastre».
O candidato do BNG, Xoán Reices insta ao alcalde a «poñerse as pilas para evitar que os veciños e veciñas queden incomunicados e tamén, e non menos importante, para evitar a mala imaxe que dá o noso concello con infraestruturas clave tiradas e sen mantemento». «Neste sentido, resulta contraditorio que o concello envíe cartas para empadroarse e non baixar de categoría polo número de habitantes», destaca Reices, «pero logo non fai nada para manter os servizos dos veciños e veciñas á altura do século XXI».
BNG volve denunciar a falta de mantemento das liñas de teléfono e fibra do rural
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































