O PP veta a urxencia da moción do BNG que rexeita o parque eólico do Campo das Rosas

Xoán Reices: «Derivar un asunto de vital importancia para o noso concello nunha comisión para tratar unha moción que o único que pide é que o goberno municipal actúe, mesmo xudicialmente, para frear o campo eólico do Campo das Rosas, demostra que o goberno de López inhibirase e deixará facer o lobby eléctrico.»

O BNG da Estrada, a través da concelleira Susana Camba, presentou no pleno de onte xoves a moción sobre o parque eólico do Campo das Rosas. A concelleira presentou a iniciativa por urxencia e pedía o rexeitamento do pleno a este proxecto de Naturgy e instaba ao grupo municipal do PP a impedir por todos os medios, mesmo xudiciais, a instalación do citado parque eólico.

Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, que asistiu ao pleno, «o PP rexeitou a urxencia da moción e deixando en mans dunha comisión, a pesar de ser un tema grave que afecta o noso concello e ten certa presa actuar con dilixencia para impedir a instalación do parque eólico no Campo das Rosas, que podería afectar a cabana cabalar da Rapa das Bestas e, por extensión á festa declarada de interese turístico internacional, é que é o evento máis relevante do noso concello».

Reices teno claro, «rexeitar a urxencia da moción do BNG demostra que o PP de López non quere meterse con este asunto, que tanto preocupa aos veciños e veciñas de Sabucedo, e o único que fará é levar a moción do BNG a unha comisión, onde pedimos que o goberno municipal actúe, mesmo xudicialmente, para frear o campo eólico do Campo das Rosas.»

«Por outra parte», indica Reices, «o alcalde tamén dixo que un acordo plenario non vaia a ningures o cal é un despropósito que diga iso un alcalde, xa que está minusvalorando a autonomía municipal para tomar acordos e accións de goberno, demostra, por se había algunha dúbida, que o PP non pensa facer nada para impedir o parque eólico do Campos das Rosas».

«Xa indiquei hai poucos días», engade o candidato, «López ten que elixir: ou está con Naturgy e a Xunta que aprobou este proxecto ou está cos veciños e veciñas de Sabucedo que rexeitan o parque eólico». «De momento parece que se coloca ao lado dos seus e do lobby eólico, deixando tirados aos veciños e veciñas», engade.

«Por outra parte», engade Xoán Reices, «no BNG estamos sumamente preocupados pola inacción deste goberno a respecto dos parques eólicos que se instalarán proximamente no noso concello; hai varios proxectos en marcha, un é o do Campo das Rosas e outro o de Castrovalente, ambos xa contan coa bendición da Xunta e en ambos casos está en perigo o noso patrimonio inmaterial e material respectivamente». «O PP é un perigo para a nosa cultura e o noso patrimonio», afirma.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.