A Estrada repartirá case 3.000 euros no seu concurso de disfraces, elevando o premio especial para estradenses e inagurando a categoría de mascotas.



Hoxe a partir das 17.00 horas comezarán a desfilar os participantes no concurso de disfraces, que será presentado por Isi na Praza da Feira. O trazado previsto contempla saír deste enclave cara a Porta do Sol, para despois subir polo Ulla e Calvo Sotelo, ata o cruce con Justo Martínez. O desfile continuará pola rúa Iryda e conectará con Castelao, regresando á Praza da Feira. O xurado estará composto pola alcaldesa de Mocidade, Lucía Seoane, polo membro de Producciones Trípode e locutor de radio Pedro Pérez e por outra persoa vinculada ao mundo cultural da Estrada. Valorarán os aspectos artísticos do traxe, a orixinalidade, a creatividade e a participación activa e humorística no desfile. En canto ás categorías, na individual infantil (ata 14 anos), haberá un primeiro premio de 90 euros, un segundo de 60 e un terceiro de 30. Na individual de adultos os premios serán de 120, 90 e 30 euros. Por parellas establécense premios de 150, 100 e 50 euros, mentres que para os grupos haberá un primeiro clasificado con 1.000 euros, 600 para o segundo e 300 para os que queden en terceiro lugar. Ademais, nesta ocasión ascende a 200 euros o premio especial na modalidade de grupos que se reserva aos concursantes do concello estradense. Por primeira vez tamén compiten mascotas que o farán por un único premio por valor de 50 euros. O luns de Entroido tamén será, como é tradición, o día de visita á parroquia de Guimarei, onde se celebrará o tradicional baile de disfraces. Contará coa orquestra Paris de Noia, unha banda de música e servizo de autobuses dende a zona urbana. Como todos os anos, haberá unha carpa. MARTES. A tradición reclama o seu espazo neste día. A partir das 16.30 horas, carrozas e comparsas percorrerán as rúas. Está previsto que participen grupos dos colexios O Foxo, Lourdes e Figueiroa, así como carrozas de Callobre, Guimarei, Arnois, Santeles, Couso ou Santa Cristina de Vea, xunto con entidades como Stradanza. Ás 18.30 horas chegarán á Praza da Feira os encontros e vítores dos Xenerais de Santa Cristina de Vea.

 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.