O BNG aposta por acondicionar o espazo do Xirimbao e a ponte colgante de Couso

Xoán Reices: «A ponte colgante é desde hai moitos anos unha referencia para os visitantes e turistas, mais está desaproveitada»

O río Ulla ofrece o noso concello espazos únicos de beleza e esparexemento que lamentabelmente non se aproveitan en todo o seu potencial. Un destes espazos é o Xirimbao e a ponte colgante de Couso.

Xoán Reices, candidato do BNG, e veciño da parroquia de Couso, «a ponte colgante está sinalizada desde a estrada que vai a Santiago, mais calquera visitante leva unha decepción ao chegar ao lugar, non pola beleza que agocha, senón porque é un espazo pouco amigábel, xa non digamos para as persoas que teñen mobilidade reducida».

«A Consellaría de Medio Ambiente ten planificado efectuar unha actuación nunha das masas comúns que rodean a entrada da ponte colgante», explica Reices, «os veciños e veciñas, que foron os que cederon os terreos, descoñecen en que consistirá esa actuación, mais pensamos que a administración autonómica debería ter en conta as súas peticións antes actuar nun espazo que podería ser unha auténtico atractivo turístico de primeiro orde para o noso concello».

O candidato do BNG cre que o concello podería xogar un papel importante nesta actuación como intermediario entre os veciños e veciñas e a administración autonómica. «O alcalde coñece a proposta dos veciños, de feito cederon os carballos, que se manteñen intactos, conseguen as masas comúns, fan unha proposta para acondicionar o espazo e a Consellaría fai o que lle dá gana sen contar con eles e elas».

«Desde o BNG apostamos por incrementar os espazos de lecer e esparexemento nas marxes do Ulla», afirma Reices. «A ponte colgante é desde hai moitos anos unha referencia para os visitantes e turistas, mais está desaproveitada», engade, «entendemos que a actuación da Consellaría de Medio Ambiente ofrece unha oportunidade para acondicionar ese espazo, mais debería ser sensíbel e contar cos veciños e veciñas, que a fin de contas cederon os terreos e traballan desde hai anos nese espazo con festas como a do escalo».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.