A iniciativa, promovida polo CIM do Concello da Estrada e enmarcada
no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, consiste na
elaboración de podcasts por parte do alumnado de secundaria dos
centros locais.
Os contidos emítense os mércores no espazo da Galería, en
RadioEstrada, a partir das 11:15 horas, e tamén están dispoñibles nas
canles de Ivoox e Spotify da Ollada da Sospeita.
No acto de presentación participaron a edil de Servizos Sociais, Amalia
Goldar, xunto á directora do CIM, Marga de la Calle, e a axente de
Igualdade, Lara Fuentes.
O salón de actos do IES Antón Losada acolleu
esta mañá a presentación do proxecto “As historias non contadas”, unha
iniciativa promovida polo CIM do Concello da Estrada e integrada na
programación do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
A proposta consiste nun programa de podcasts, desenvolvido por APAIOGA e
que están dispoñibles tanto na canle da ‘Ollada da Sospeita’, nas plataformas
de Spotify e iVoox, como en RadioEstrada.
No acto de presentación interviron a edil de Servizos Sociais, Amalia Goldar;
Marga de la Calle, directora do CIM da Estrada; e Lara Fuentes, axente de
Igualdade.
Na súa intervención, Goldar fixo fincapé “nas potencialidades dun formato
como o podcast para achegar coñecementos dun xeito lúdico tanto para quen o
fai como para quen o consume”.
Pola súa parte, a directora do CIM, Marga de la Calle, salientou “o fantástico
traballo feito por todos os axentes implicados na iniciativa, desde a
predisposición de todo o alumnado por sumar o seu gran de area ata o traballo
do corpo docente por facilitar co seu labor a materializacion deste proxecto”. No
mesmo sentido, Lara Fuentes animou “a seguir apostando polo formato do
podcast como ferramenta de difusión cultural”.
A través desta actividade, dirixida ao alumnado dos centros de educación
secundaria do Concello, promóvese que o alumnado elabore os seus propios
programas dotándoos de contidos nos que se recolla o papel das mulleres e se
poña en valor o seu traballo en distintos eidos.
Deste xeito, un especial sobre a presencia das mulleres no mundo do motor, un
coloquio coa artesá estrandense, Vanesa Iglesias Casal, e unha entrevista á
fotógrafa, tamén estradense, Marga Fraga, son ata o momento os tres
episodios que integran o catálogo dun programa que prevé seguir aumentando
a súa oferta de contidos.
“As historias non contadas” ten o seu horario de emisión os mércores no
espazo da Galería, en RadioEstrada, a partir das 11:15 horas da mañá e do
mesmo xeito, os episodios tamén están dispoñibles nas canles de Ivoox e
Spotify da Ollada da Sospeita.












































