― O Goberno galego licitará de xeito inmediato as obras co fin de inicialas este ano
― É o 1º treito da prolongación da AG-59 como autovía libre de peaxe e discorrerá de
norte a sur e paralelo á AC-841 ao longo de 3,5 km, no termo municipal de Teo
― Construiranse dous enlaces: un de adecuación do existente na Ramallosa cara á estrada
AC-841 e outro de nova execución, sobre a AC-241, ao final do treito
― Esta actuación implica a execución de 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía, 3
pasos inferiores e 2 pasos superiores
― De xeito paralelo, avánzase no proxecto de construción da 2ª fase de prolongación da
autovía autonómica: outros 4 km entre Pontevea e O Rollo, xa na Estrada
― A prolongación da AG-59 suporá un investimento conxunto de máis de 65 M€ e reducirá
os tempos de viaxe entre Santiago e A Estrada a 10 minutos sen pagar peaxes
O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace á contratación das obras para
desenvolver o novo treito da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e o enlace
coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.
Os traballos, cuxa licitación vén de autorizar hoxe o Goberno galego, correspóndense coas
actuacións para habilitar 3,5 novos quilómetros de prolongación da AG-59, que dá
continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo.
O investimento total desta primeira intervención de prolongación do novo treito de
conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago superará os 33,1 M€, tendo en
conta o importe da licitación dos traballos, máis de 32,3 M€, e o pagamento dos 291
predios necesarios para materializar a intervención.
O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras de xeito inmediato e
convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre, co
obxectivo de comezar a execución este ano, cun prazo de 20 meses.
A contratación das obras autorizada hoxe correspóndese co primeiro treito de novo
trazado que discorrerá de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á
estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.
En canto ás características deste novo tramo da autovía considérase unha velocidade de
proxecto de 100 km/h, con 4 carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros,
beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores.
A súa lonxitude acadará algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente
na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro denova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito. A Actuación inclúe 6
novas estruturas: viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores.
No marco da intervención, redeseñarase o enlace existente na Ramallosa que comunica a
AG-59 coa estrada AC-841, que constará dun ramal dirección Santiago e un de saída á
AC-841. O novo enlace que se construirá na AC-241 disporá dunha vía de acceso á AG-59
en sentido Santiago e un de saída, que remata nunha glorieta de 20 metros de radio sobre
a estrada AC-241.
Ademais executaranse ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de
servizo.
As 6 estruturas de nova construción serán: o viaduto en Santa Lucía, de 150 metros de
lonxitude; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa de 56 metros de lonxitude
e outro no enlace coa AC-241 de algo máis de 39 metros de lonxitude; e os tres pasos
inferiores.
O proxecto de trazado conta tamén coa declaración de impacto ambiental favorable por
parte do organismo competente.
Froito deste proceso, o proxecto da Xunta, incorpora ao proxecto construtivo un novo
camiño de servizo entre os puntos quilométricos 106+300 ao 106+700, para dar
continuidade e posibilitar a comunicación entre ambas as marxes da autovía.
Ademais, executarase un novo camiño de servizo paralelo ao tronco da autovía
proxectada entre os puntos 107+120 ata o 107+320 coa finalidade de mellorar os accesos
e comunicacións entre ambas as marxes da nova infraestrutura, das leiras e explotacións
gandeiras existentes nesta contorna.
Tamén se realizará un cambio de trazado e a reposición do oleoduto Coruña-Vigo que
atravesa a traza da AG-59 en dous puntos: na zona do enlace da Ramallosa, no punto
100+240, e na zona previa ao viaduto de Santa Lucía, no 100+400.
Inclúese, tamén, a modificación da sección dos pasos inferiores dos eixos 11 e 19 (puntos
quilométricos 106+320 e 107+119) e do paso superior do eixo 17 (punto 104+789), co
obxectivo de dar continuidade ao Camiño da Geira e dos Arrieriros interceptados pola
actuación.
De xeito paralelo estase traballando no proxecto de construción das obras da segunda
fase de prolongación desta autovía autonómica: outros 4 quilómetros entre Pontevea e O
Rollo, xa no municipio da Estrada.
A prolongación da AG-59 suporá un investimento conxunto de máis de 65 M€ e reducirá os
tempos de viaxe entre Santiago e A Estrada a 10 minutos sen pagar peaxes.







































