«A Estrada non pode deixar pasar a oportunidade de reivindicar o legado deste veciño extraordinario, cuxa figura queremos que sexa inspiradora para as xeracións máis novas da poboación estradense»
Poucos veciños e veciñas saben que o inventor da calculadora foi un veciño de Curantes, que se chamaba Ramón Vera. O BNG propón reivindicar a súa persoa. Xoán Reices explicou que «no BNG cremos que temos que sentirnos orgullosos e orgullosas de que un veciño do noso concello pasara a historia da ciencia como o inventor da calculadora en 1878, un aparello de case 26 kilos, que era capaz de facer operacións básicas de matemáticas con até 9 cifras, e hoxe está nas instalacións de IBM»
«Neste sentido», engade Reices, «no noso programa electoral levamos a proposta de que cada ano o concello da Estrada organice unha semana da ciencia con exposicións, conferencias, talleres e demostracións prácticas, e mesmo se podía convocar un premio para que nenos e nenas puideran participar expoñendo os seus inventos ou experimentos científicos». «Ao noso entender isto pode ser unha oportunidade extraordinaria para divulgar e achegar a ciencia a toda a sociedade, e especialmente entre a infancia e mocidade», afirma.
«Por outra parte», explica Reices, «cremos que tamén é unha oportunidade para dar a coñecer este veciño que naceu en Curantes en 1858, que emigrou a Cuba e Estados Unidos, e que non só foi un gran inventor, divulgador, xornalista e emprendedor, senón unha persoa de valores e principios humanos que hoxe consideramos normais, como a igualdade entre homes e mulleres, mais a finais do século XIX non o era, lamentabelmente».
O candidato do BNG cre que «A Estrada non pode deixar pasar a oportunidade de reivindicar o legado deste veciño extraordinario, como fixo no seu día o mestre Olimpio Arca; cremos que Ramón Verea pode ser unha figura inspiradora para as xeracións máis novas da poboación estradense».






































