O salón de plenos do Concello da Estrada
acolleu hoxe a sesión constitutiva da nova corporación, tralas eleccións
municipais do pasado 28 de maio. O popular, José López Campos, que
acadou maioría absoluta, foi investido e será rexedor da Estrada durante o
vindeiro mandato.
Na votación, López Campos foi investido grazas á maioría absoluta coa que
conta a agrupación popular, con 13 concelleiros dun total de 21.
Logo de recoller o bastón de mando, o recén designado alcalde tomou a
palabra lembrando “o legado de tantos rexedores que me precederon, cuxa
labor nos fixo dispor da nosa marcada identidade estradense”.
José López tamén agradeceu “a confianza depositada pola veciñanza nun
equipo e nun proxecto que ten por finalidade consolidar á Estrada como un
municipio protagonista e activo en Galicia, por seguir sendo un referente en
diversos eidos a nivel autonómico”.
O rexedor reafirmou como metas para este novo mandato, o cuarto
consecutivo como alcalde, a aposta do goberno local por “manter a Estrada na
vangarda e aproveitar o vento favorable para dotar ao municipio de mellores
conexións, servizos e infraestruturas”, sen esquecer “o desafío de fixar
poboación incentivando o emprego e promovendo o acceso á vivenda”.
Tamén sinalou como obxectivo “seguir mellorando a calidade de vida no rural
estradense, dotando ás parroquias de mellores servizos e mantendo a aposta
pola oferta dunha rede viaria de calidade en todos os nosos núcleos rurais”.
Finalmente, López Campos fixo un chamamento “a recoller o legado do pasado
para avanzar cara unha Estrada coa mirada posta no futuro, un municipio
activo do que sentirse orgullosos”, sinalou o alcalde.
José López Campos promete“traballo para consolidar a A Estrada como unha referencia autonómica”
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































