• No transcurso da XII Gala na honra dos aloitadores presentouse o “tráiler” do
documental “Rapa”, dirixido por Alejandro Enríquez, da produtora Mondotropo, que
se estreará en outubro
• A misa na honra a San Lourenzo abre mañá ás 6.30 horas a tradición da subida ao
monte na procura das bestas
• Sheila Patricia, Balkan Bomba, Brinkadelia Troupe e Funkiwis actúan mañá no
Festival Rapason, a partir das 23.00 horas, no escenario do Campo do Medio
O curro de Sabucedo acolleu a pasada noite a XII Gala na
honra dos aloitadores organizada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, que
nesta edición distinguíu como “Aloitadores de honra” á veciña de Sabucedo Sara
Monteagudo, ao equipo da película “As Bestas” e ao xornalista Alberto Rey.
A Sara Monteagudo a organización da Rapa das Bestas defínea como “unha filla do
vento, libre, independente, xenerosa, sen barreiras, sen filtros, todo corazón, todo
amizade e todo xenerosidade”. “Leva o nome de Sabucedo e da Rapa das Bestas por
bandeira, pese a que nunca tivo un cabalo, demostrando que o corazón manda máis
que a propiedade”, resaltaron na gala.
Pola súa parte, o actor Pepo Suevos foi o encargado de recoller o recoñecemento ao
equipo da película “As Bestas”, dirixida por Rodrigo Sorogoyen, ao que a Asociación
Rapa das Bestas de Sabucedo quere agradecerlle “a súa inmensa empatía co pobo de
Sabucedo” e o feito de empregar o seu minuto de gloria na Gala dos Goya para “poñer
Sabucedo no foco e visibilizar ante millóns de persoas o problema que se está a
desenvolver nos montes da contorna coa proxección de catro parques eólicos”.
Do xornalista Alberto Rey, que leva anos xestionando o gabinete de prensa durante a
Rapa das Bestas, a asociación valora “a súa implicación, a reivindicación, a defensa e
o traballo pola supervivencia e a correcta difusión da tradición”.
Por outra banda, na gala de hoxe tamén se presentou o tráiler do documental “Rapa”,
dirixido por Alejandro Enríquez, da produtora Mondotropo, que se estreará o vindeiro
mes de outubro.
Mañá, subida ao monte e Rapasons
En canto á programación de actividades previstas para mañá, a celebración ás 6.30
horas da tradicional misa na honra a San Lourenzo dará paso á subida ao monte na
procura das bestas para reunilas no Peón, antes de conducilas ao peche do Castelo,
onde pasarán a noite. A música será outra das grandes protagonistas mañá pola noite,
coa celebración do Festival Rapasons, no que actuarán Sheila Patricia, Balkan Bomba,
Brinkadelia Troupe e Funkiwis, a partir das 23.00 horas no Campo do Medio.
PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES | VENRES 7 DE XULLO
• 6.30 horas: Tradicional misa na alborada na honra de San Lourenzo
• 7.00 horas: Saída dende O Celeiro cara ao monte na procura das bestas
• 20.00 horas: Pasarrúas do grupo “A Tralha da Terra de Montes”
• 20.30 horas: Inauguración da exposición itinerante “O Sentir dun pobo: Sabucedo e a
Rapa das Bestas” no curro vello
• 23.00 horas: Festival Rapasons:
– Sheila Patricia
– Balkan Bomba
– Brinkadelia Troupe
– Funkiwis







































