O BNG insta ao goberno municipal a atallar a grave situación do servizo do SAF

Instamos ao goberno do PP a actuar, e non ser cómplice dunha situación que afecta a un servizo público esencial do noso concello

A situación das traballadoras do SAF da Estrado dado a coñecer no día de hoxe pola CIG a través dos medios de comunicación obriga ao goberno municipal do PP a actuar para atallar a grave vulneracións dos dereitos laborais das traballadoras.

O informe da inspección de traballo que se describe na información é claro e vulnera o contrato que ten a empresa co concello da Estrada, en cuxo prego administrativo e técnico de adxudicación indícase con toda claridade que «o contratista aboará ao persoal destinado á prestación do SAF as retribucións, incentivos, pagas extraordinarias, seguros sociais, etc, de acordo co disposto na lexislación vixente e convenios colectivos que o afecten».

Por outra parte, os pregos de adxudicación tamén indican que «a entidade adxudicataria queda abrigada a cumprir todas as disposicións vixentes en material laboral, da seguridade social e de seguridade e hixiene no traballo e de previsión de riscos laborais do persoal ao seu cargo».

Polo tanto, e tendo en conta o informe da inspección de traballo dado a coñecer pola CIG, estanse vulnerando de xeito grave os dereitos das traballadoras (pago de horas extras, descansos, etc), algo inadmisíbel desde calquera punto de vista, e moito máis tendo en conta que estamos a falar dun servizo público, cos prexuízos que iso pode causar á prestación do servizo.

Ademais, o concello está incumprindo o seu propio prego de adxudicación a esta empresa, realizado en 2015, por un importe de 1.019.000 euros, xa que a duración do contrato prevista nos pregos é de «2 anos, podendo prorrogarse por períodos anuais, previo acordo das partes. A duración total do contrato, incluídas as prórrogas, non poderá ser superior a 4 anos». É dicir, que o concello da Estrada debeu sacar de novo a concurso o SAF en 2019, como moi tarde, o que, desde o noso punto de vista, fai cómplice ao concello da Estrada da grave vulneración dos dereitos laborais das traballadoras do SAF, o que pode ter consecuencias económicas importantes para o erario público.

Neste sentido, desde o BNG da Estrada instamos ao goberno do PP a actuar, e non ser cómplice dunha situación que afecta a un servizo público esencial do noso concello. Por unha parte ten que mediar coa empresa e as traballadoras para solucionar as graves deficiencias detectadas. Por outra banda, instamos ao goberno municipal a sacar un novo concurso do SAF que garanta unha boa calidade no servizo, así como cumprir os dereitos laborais das traballadoras.

En todo caso, desde o BNG consideramos que a mellor opción é a municipalización do servizo. Como se está a ver, a privatización poderá implicar menos traballo para o alcalde e os concelleiros e concelleiras de goberno, que cobran dedicacións exclusivas moi cuantiosas, pero resulta nefasto para os intereses das traballadoras e dos usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar, unha das pezas claves do estado do benestar no noso concello.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.