O alcalde, José López Campos, presentou a proba xunto ao
secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, e
o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Canda
Rodríguez.
A cita levarase a cabo entre o venres, 15 de setembro, e o domingo,
día 17.
A Estrada continúa sendo unha potencia
para o deporte galego. Así o confirmou, hoxe, o alcalde, José López Campos,
durante a presentación do Campionato de España e Galego de Enduro. O acto
correu a cargo do rexedor, así como do secretario xeral para o Deporte da
Xunta, José Ramón Lete Lasa, e do presidente da Federación Galega de
Motociclismo, José Canda Rodríguez. A cita comezará este venres, 15 de
setembro, e prolongarase ata o domingo, día 17.
Durante a súa intervención, o rexedor sinalou o “orgullo” que supón para A
Estrada acoller un evento desta envergadura. López Campos apuntou que o
obxectivo é seguir apostando por esta liña, reforzando o papel da Estrada
como “capital do deporte en Galicia”. O primeiro edil explicou que, na
actualidade, o municipio é sede de numerosas competicións, contando, así
mesmo, con varios equipos federados de diversas disciplinas deportivas: “isto
debémosllo, en gran medida, ao convenio que asinamos no seu momento coa
Xunta de Galicia e que permite á Estrada singularizarse no mapa galego e
nacional”. Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte referendou a
importancia da Estrada no panorama deportivo e destacou, así mesmo, “a
importancia que están gañando os deportes de motor en Galicia”.
Desenvolvemento da proba
A proba reunirá a uns 120 pilotos de toda Galicia e do resto de España de entre
18 e 65 anos. O campionato arrincará o venres, arredor das 12.00 horas, coa
realización das verificacións técnicas nas inmediacións do campo de fútbol do
municipio. Ás 19.30 horas dese mesmo día está prevista a realización da
primeira especial da xornada desde a avenida de Pontevedra.
O sábado, a cita deportiva comezará ás 9.00 horas, cando os
primeiros pilotos sairán do parque pechado (situado na praza do Concello) en
dirección ao monte Cabalar. Alí someteranse á Enduro Test, na que terán que
demostrar a súa destreza enriba da moto. Tras realizar un percorrido de rally
duns 18 km, someteranse a outra proba especial, a Enduro Test – Cross Test. A
mecánica será idéntica durante a xornada do domingo, 17 de setembro. Ao
remate da xornada do sábado e o domingo terá lugar a entrega de premios aos
pilotos que obtiveran os mellores resultados de cada categoría.
Á presentación asistiron, así mesmo, o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel
Campos, municipio por onde tamén pasa a proba, o presidente da Asociación
Maceira e Sidra (patrocinador oficial da proba), José Antonio López Pampín, o
dobre campión do mundo de enduro, Josep García i Montaña, e o piloto
estrandense, Javier Campos, que participará no Rally París Dakar.