O Principal corou a Fernando CastroParedes como gañador da XXXV edición dopremio de novela ‘Manuel García Barros’

 O escritor asturiano alzouse coa vitoria entre as 22 pezas
presentadas grazas á súa obra “Entomoloxía para misioneiros”.
 No acto agasallouse cun exemplar da obra a cada persoa asistente.

O Teatro Principal da Estrada acolleu
hoxe a celebración dos premios literarios ‘Manuel García Barros’, nunha
edición na que concorreron 22 obras e que tivo como vencedor ao novelista
Fernando Castro Paredes grazas á súa obra “Entomoloxía para misioneiros”,
que engarza situacións que contrapoñen a devoción relixiosa co racionalismo
científico e a civilización coa barbarie.
As persoas asistentes ao evento foron agasalladas cun exemplar da obra
premiada.
Castro Paredes, nado en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975, exerce coma
profesor de ensino secundario no IES Fernando Blanco de Cee. Cultiva todos
os xéneros literarios, pero destaca especialmente como dramaturgo, con
formación nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación
Teatral. O seu labor como escritor foi recoñecido en anteriores ocasións co
Premio Rafael Dieste, o Premio Álvaro Cunqueiro e o Premio Roberto Vidal
Bolaño, entre outros.
O xurado destacou a obra de Castro Paredes pola súa “ambición estética
dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia
de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de
Occidente e Oriente”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.