En 2011, nada máis subir acadar o goberno municipal, o PP de López sobe o IBI. Doce anos máis tarde volve a repetir a xogada, subindo a contribución un 25%. Tanto en 2011 como agora esta suba de 2023, é unha suba a traizón aos veciños e veciñas da Estrada, pero sobre todo é unha traizón aos seus votantes, porque durante a campaña electoral, entre festa e festa, en ningún momento lles dixo que ía subir a contribución urbana.
Como en 20211, esta suba de 2023 tamén se produce nun momento de crise económica, agora agravada pola suba dos prezos, especialmente nos alimentos e nos combustíbeis. O PP é un partido sádico ao que non lle doe a situación económica dos seus veciños e veciñas. De feito, a ordenanza municipal que subirá o IBI non contempla nin unha soa bonificación para familias vulnerábeis e con escasos recursos. Iso si, a igrexa católica quedará exenta de pagar polos seus inmóbeis. Semella que non é suficiente a subvención que recibe por semana santa, que o PP ten que botar unha man ao cepillo da igrexa.
Por outra parte, a suba do IBI tamén vai ter consecuencias sobre o comercio local. Se sobe a contribución, tamén subirán os alugueiros. Iso cae de caixón. E se agora o comercio local ten problemas, van se ver agravados pola decisión do PP.
O PP non sabe xestionar
A suba do IBI pon de manifesto que o partido que presume de «xestión» non sabe xestionar, e adícase a despilfarrar os recursos públicos dos veciños e veciñas. Ao longo dos últimos anos o goberno de López fixéronse unha serie de gastos innecesarios, como a ampliación da Alameda, que supuxo para as arcas municipais un desembolso de 1.794.635 euros. A isto hai que engadir o incremento das dedicacións exclusivas e cargos de confianza que que pasa de 250.000 a 287.000 euros ao ano.
O «partido da non-xestión» tamén incrementou a débeda cos bancos. Agora mesmo os veciños e veciñas da Estrada, grazas á nefasta xestión do PP, debemos aos bancos 3.654.311 euros, unha cifra que se incrementou lixeiramente neste ano de eleccións municipais.
Por todo isto votamos en contra da suba do 25% da contribución. Porque o PP que presume de xestión, no canto de recortar no gasto corrente, en investimentos faraónicos, en baixarse as dedicacións exclusivas, recorre ao doado, a asaltar o peto dos veciños e veciñas.
Votamos en contra da suba do 25% do IBI
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































