O BNG promoverá dende a Xunta a “compra verde” para oscomedores públicos co fin de diversificar a produción epotenciar froitos e artigos ecolóxicos no agro

O BNG promoverá dende a Xunta de Galicia a “compra verde” para os comedores
públicos co fin de diversificar a produción no agro e potenciar froitos e artigos
ecolóxicos. Así o manifestou o cabeza de lista do Bloque en Pontevedra para o
vindeiro 18F, Luís Bará, quen tamén defendeu na Estrada a creación dunha plataforma
público-privada para promocionar e comercializar produtos galegos tanto nos
mercados locais como ante as cadeas de distribución.
Na súa visita a ‘Flavia, horta da casa’, de produción ecolóxica, acompañado de
representantes do BNG na Estrada, Silleda e Vila de Cruces, o nacionalista destacou
que para o Bloque a política agraria e en xeral as políticas para o medio rural son
estratéxicas. Defendeu que Galiza debe ser unha potencia alimentaria polo que é
preciso desenvolver o sistema alimentario diversificando producións e potenciando as
ecolóxicas.
Para facer medrar a produción agroalimentaria -e tamén maralimentaria-, Bará
explicou que unha das liñas de actuación será o fomento da contratación e da compra
pública verde. Sinalou que o BNG vai utilizar o instrumento da contratación pública de
maneira que para subministrar os comedores da administración en residencias de
terceira idade, centros de día, ou comedores escolares ( e posteriormente nas
universidades e nos concellos), se fomentará nas licitacións a compra de produtos
locais de proximidade e produción ecolóxica.
“Esta iniciativa axudará a fixar actividade económica e poboación no rural, a loitar
contra o cambio climático polo tema do quilómetro cero, e tamén a potenciar e
promover unha alimentación máis saudable con produtos frescos e de calidade”,
sinalou, para destacar que a administración gasta moito neste tipo de contratos dos
comedores e que xa hai concellos nacionalistas que ao longo do país fixeron
licitacións con esas cláusulas e bos resultados.
Outra das propostas do BNG, apuntou Bará, é a creación dunha plataforma galega de
venda por internet con participación pública e do sector privado para que o comercio e

os produtores locais teñan unha plataforma galega a través da que comercializar
produtos de todos os ámbitos e sectores.
Trátase, dixo o cabeza de cartel, dunha maneira de colaborar co sector para a súa
introdución nos mercados, tanto locais e de proximidade como nas cadeas de
distribución. “Hoxe en día cada empresa produtora ten que negociar de maneira
individualizada, chegando a acordos con cadeas de distribución puntuais . Se se fai
como unha organización do sector por medio da Xunta pódese conseguir un mellor
posicionamento e visibilidade en toda cadea. A chave é que haxa unha plataforma
galega web para fomentar a comercialización e introducir no mercado, porque iso
tamén permite vender no ámbito galego e cara fóra”, salientou.
O número un pola provincia falou tamén da necesidade de corrixir o déficit de
produción dalgúns produtos, principalmente de horta e froiteiras, así como de cereais,
tanto para a alimentación animal como humana. Insistiu en que é preciso actuar de
xeito decidido para asegurar o maior grao posible de produción de alimentos no pais
diversificando a produción agrogandeira e apostando polos produtos de calidade e con
prácticas respectuosas co medio. Neste sentido, avogou por elaborar un novo Plan de
Agricultura Ecolóxica consensuado co sector cun horizonte temporal máis amplo que o
actual e que impulse o desenvolvemento desta produción.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.