A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, xunto ao alcalde da Estrada e tamén deputado provincial, José López Campos, acaban de presentar no salón de plenos da Casa do Concello estradense a Adventure Galicia Rally 2024. Durante o acto, a dirixente provincial enxalzou a importancia desta proba europea “que supón o desembarco dos mellores pilotos de todo o continente no noso territorio” e puxo en valor a capacidade da provincia para organizar grandes eventos deportivos. “Nesta provincia tomámonos moi en serio os nosos propósitos –afirmou- e cando nos poñemos a organizar algo non hai quen nos pare”.
Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para subliñar “o papel catalizador do deporte para a provincia”, ao ser un elemento de dinamización económica e tamén de mellora da calidade de vida da veciñanza e de construción de sociedades máis cohesionadas.