A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o
convenio de colaboración co Concello da Estrada para a posta en valor do recurso ecosistémico da Rapa das
Bestas, cun orzamento de 124.000 euros. Trátase, tal e como explicou o presidente da institución provincial
Luis López, de renaturalizar a carballeira do Campo do Medio de Sabucedo, unha iniciativa enmarcada no
Plan de sostibilidade turística do destino Deza-Terra de Montes, que conta cun orzamento total de 2
millóns de euros dos fondos Next Generation.
“Por vez primeira realizamos esta acción para apoiar unha das celebracións máis icónicas da provincia,
unha experiencia 100% Rías Baixas e unha das festas máis senlleiras, declarada de interese turístico
internacional”, remarcou Luis López. A través desta iniciativa vaise poñer en valor este recurso
ecosistémico a carón do curro de Sabucedo, recuperando os valores ecolóxicos e creando un lugar que
permita a visitantes e usuarios desfrutar da contorna todo o ano. Para elo vaise rexenerar a carballeira,
cubrir as raíces das árbores, adecuar as pendentes para evitar escorrentías, repoñer valados de madeira,
mellorar a zona de acampada e instalar un miradoiro no Curuto.
A actuación enmárcase no Plan de sostibilidade turística do Destino Deza-Terra de Montes que, ademais da
Estrada, inclúe tamén aos concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei. No
caso da renaturalización da carballeira do Campo do Medio de Sabucedo, trátase dunha das prioridades do
Concello da Estrada establecidas no proceso participativo levado a cabo para a redacción do plan.
A Deputación destina 124.000 € para poñer en valor a contorna da Rapa das Bestas de Sabucedo
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































