Gonzalo Louzao Dono novo alcalde Estradense

● O máximo órgano interno do partido reuniuse esta noite na súa sede e
refrendou co máximo consenso que o concelleiro de Urbanismo, Feiras e
Medio Rural sexa o próximo rexedor en substitución do novo conselleiro
de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos
● “Calquera dos 13 edís podería desempeñar esta responsabilidade, pero
creo que atinaron de cheo ao apostar pola valía, capacidade de traballo e
futuro de Gonzalo, que pode liderar un novo ciclo exitoso para o noso
concello”, manifestou o tamén presidente do PP estradense

O Comité Executivo Local do PP da Estrada vén
de aprobar por unanimidade a proposta de que Gonzalo Louzao Dono, actual
concelleiro de Urbanismo, Feiras e Medio Rural, sexa o candidato á Alcaldía en
substitución de José López Campos, que onte tomou posesión como novo
conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
O máximo órgano interno do partido reuniuse esta noite na súa céntrica sede da
Praza de Galicia, xusto despois do pleno extraordinario da corporación no que se
deu conta da renuncia de José López á Alcaldía, e refrendou co máximo e absoluto
consenso de todos os seus membros a candidatura deste xove edil, de 29 anos de
idade e que se incorporou ao goberno local tras as eleccións municipais de 2019.
“Coñezo ben aos meus compañeiros porque levo con eles moitos anos e calquera
dos 13 concelleiros podería desempeñar con pleno acerto esta responsabilidade,
pero creo que atinaron de cheo ao apostar pola valía, a capacidade de traballo, a
cercanía, a dispoñibilidade máxima e o futuro de Gonzalo, que estou seguro que vai
liderar o novo ciclo político que se abre agora con moitos éxitos tanto para A Estrada
como para o Partido Popular”, manifestou o ex rexedor e tamén presidente do PP
local.
José López quixo destacar a “xenerosidade de todos os que formamos o PP da
Estrada e a visión estratéxica” de apostar por un concelleiro “que no seu momento
representou unha importante renovación e achegou un sopro de aire fresco ao
executivo e que, nestes cinco anos de bagaxe, demostrou unha enorme capacidadeen todos os ámbitos e unha predisposición absoluta na atención aos veciños, que
son o máis importante e aos que nos debemos en exclusiva”.
A intención do PP local pasa por manter nestas semanas o traballo habitual desde
o Concello, “algo para o que non haberá ningún problema porque o seu
funcionamento está perfectamente engraxado e todos os proxectos están lanzados
grazas ao traballo que sempre fixemos en equipo” e celebrar posteriormente o pleno
de elección e investidura de novo alcalde tras a chegada das credenciais e toma de
posesión da nova concelleira, a número 14 da candidatura, Jessica Rodríguez
Calviño.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.