En relación á noticia aparecida na prensa no día de onte na que o BNG solicita unha campaña de concienciación e prevención do consumo de drogas, fundamentalmente dirixida aos mozos e mozas da Estrada, vémonos na obriga de lembrar que, desde hai varios anos, o concello conta cun departamento de prevención de condutas adictivas que realiza unha labor directa e individualizada con aquelas persoas que presenten problemas co consumo de substancias adictivas.
Asimesmo, cada ano escolar se realizan campañas de prevención ao longo de todo o curso en todos os centros escolares de secundaria do concello, a través dos seguintes programas de prevención universal e selectiva:
– Obradoiro de Habilidades Sociais “Facendo Saúde” dirixido aos primeiros cursos de secundaria, que ten como obxectivo desenvolver factores de protección fronte ao consumo de substancias adictivas e promover os factores de protección. Está implementado directamente a través da técnica de prevención e realízase dentro do horario escolar. O pasado curso 23/24 participaron mais de 400 alumnos e alumnas.
-Obradoiro “ Mitos e realidades do consumo das condutas adictivas”. Está dirixido aos alumnos de secundaria, fundamentalmente nas etapas de 3º e 4º, asi como aos ciclos formativos de formación profesional, xa que nestes cursos se detectan consumos experimentais e mesmo de risco. O obxectivo deste taller é desmontar os mitos asociados ao consumo de substancias psicoactivas por parte dos adolescentes e xoves. Está implementado pola técnica de prevención do concello e por Manuel Isorna Folgar, considerado un dos maiores especialistas en adiccións do país. No curso 23/24 participaron neste obradoiro arredor de 150 escolares.
-Obradoiro “ Non xogues co xogo” dirixido á prevención do xogo patolóxico en adolescentes e xoves, dado que se constata que en Galicia 1 de cada catro menores ten apostado diñeiro algunha vez na súa vida.
-Obradoiro “Sumerxidos no mundo dixital” orientado a fomentar o uso saudable das tecnoloxías da información e da comunicación, incluíndo as redes sociais.
Ademais, se realiza o programa “Mais que un teito” dirixido a pais e nais de adolescentes ou xoves co obxectivo de acadar os coñecementos e as estratexias para detectar situacións de risco, así como as canles de actuación axeitadas para afrontalo e pautas de comunicación para relacionarse cos seus fillos. Actualmente son 17 familias as usuarias deste programa.
Asimesmo, se ven realizando o programa de deshabituación tabáquica para todas aquelas persoas que teñan interese en abandoar o tabaco, asi como o programa de deshabituación alcohólica que atende a persoas con consumo problemático de alcohol.
Por outra banda, e en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico, está a iniciarse un programa formativo de prevención do xogo patolóxico dirixido aos adestradores dos clubes e escolas deportivas municipais coa finalidade de ofrecer estratexias de recoñecemento de factores de risco nos adolescentes e xoves que adestran nos seus equipos.