Recoñecemento e moita emoción camiñaron da man este
venres na entrega do Premio Honorífico ao Labor das Mulleres do Concello da Estrada, un
galardón que nesta edición recaeu na estradense Rosa Ferreira Castro, louvando os seus 44 anos
consagrados á docencia, 26 deles como directora do CEIP do FOXO. O acto celebrouse no Museo
do Moble e da Madeira (MOME), cunha elevadísima concorrencia. Ferreira Castro súmase á
nómina de mulleres do municipio distinguidas con este premio, deseñado para conmemorar o
8 de marzo como Día Internacional da Muller.
O acto arrancou con música, da man do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso. De
seguido, a xornalista estradense Laura Filloy iniciou a presentación, lembrando os 13 aos que
este premio honorífico vén poñendo en valor a mulleres sobranceiras deste concello. “Veciñas
que tiraron cara a adiante, que romperon moldes e que lograron rachar co teito de formigón
(non de cristal) que moitas veces se nos impón polo simple feito de ser mulleres”, dixo. Filloy
fixo tamén un percorrido pola traxectoria biográfica e profesional de Rosa Ferreira, destacando
que as verbas que lle teñen dedicado figuras como Valentín García, Xesús Alonso Montero ou
Armando Requeixo, xunto co apoio amosado pola ANPA Alecrín do Foxo -promotora da súa
candidatura ao premio- dan “boa mostra de que a súa pegada pedagóxica é indiscutible e xa
forma unha marca indeleble no colexio”.
Rosa Ferreira pasou no Foxo a meirande parte da súa carreira como docente, pero tamén
impartiu clases en Silleda, Lalín, Pontevedra e Catoira. Recalou neste centro da Estrada no ano
1991. Nel traballou durante 33 anos, asumindo o cargo de directora no 1998 e manténdose nel
ata a súa xubilación, en 2024.
Despois de que a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Marga de la Calle, dese
lectura á acta, chegaron os discursos institucionais, comezando polo da edil de Benestar Social,
Amalia Goldar. “Abofé que a nosa premiada reúne todo os méritos precisos para este galardón,
mais na figura de Rosa temos hoxe representadas a todas as mulleres da Estrada en particular e
de cada recuncho do planeta en xeral. Non podemos nin debemos esquecer -e máis aínda este
ano- que o 8M é unha xornada destinada a recoñecer os logros e avances das mulleres en todos
os ámbitos, sen perder nunca de vista que é un día para destacar a necesidade de continuar
loitando por unha efectiva e incuestionable igualdade de xénero”, dixo a concelleira. Continuou
lembrando que neste 2025 cúmprense 50 anos dende que a ONU instaurou o primeiramente
chamado Día Internacional da Muller Traballadora, aínda cando en España houbera que agardar
ata 1978 para celebrar a primeira manifestación do 8 de marzo.
Referíndose xa á premiada, Amalia Goldar sinalou que Rosa Ferreira “fixo escola e sentou
cátedra na súa profesión a través da implicación e participación activa deste colexio na cultura
galega, nun senso moi amplo”. “¿Coñecedes moitos colexios rurais que garden na súa biblioteca
máis de 14.000 volumes; que conten cunha pinacoteca; cun xardín no que medre a poesía; que
teña un pavillón deportivo repleto de murais, que fomente o seu alumnado beba e se mergulle
de cheo en fontes culturais tan importantes como Neira Vilas, Anisia Miranda, Xosé Vázquez
Pintor, Armando Requeixo e moitos outros? Eu tampouco. En todo iso está a luz de Rosa
Ferreira”, declarou.
A luz
“Dicía o patriarca do teatro galego, Manuel Daniel Varela Buxán, que o mellor faro para impedir
que os pobos tropecen é unha escola”, lembrou ao comezo da súa intervención o alcalde da
Estrada, Gonzalo Louzao. “O colexio estradense do Foxo soubo facer deste dito todo un
emblema” -continuou- “e se este centro funciona como un faro para os seus alumnos, non teño
dúbida algunha de que a man que durante décadas fixo alumear esta potente luz foi a de Rosa
Ferreira Castro. A nosa premiada de hoxe foi a fareira, a lanterna, a luz do Foxo durante máis de
tres décadas”, manifestou o rexedor.
Destacou o alcalde que Ferreira soubo atopar “na súa vocación, paixón”, “pero non só unha
paixón que a axudara a erguerse cada mañá para ir contenta e motivada á escola; fálovos dunha
paixón que a levou a implicarse activamente en cada proxecto educativo, en cada intento por
facer que a cultura entrase pola porta por cada fiestra do colexio do Foxo”, dixo. “Para Rosa e o
seu equipo, os programas educativos nunca foron suficientes. Para ela a cultura, esa que hai que
ir buscar fóra dos libros de texto, sempre camiñou da man da materia de exame”, engadiu. Foi
entón cando sinalou que, durante o tempo de servizo da premiada o CEIP do Foxo acadou o
orgullo de teren unha biblioteca escolar con máis de 14.000 títulos inventariados, unha
pinacoteca, un xardín no que medran poemas ou seren un colexio visitado por numerosos
persoeiros do mundo das letras, as artes e cultura galega en xeral.
“Grazas por ser mestra de profesión, vocación e corazón; por entender a comunidade educativa
en maiúsculas, por ser unha muller de equipo e por ser coma es, con ese sorriso sempre aberto
teu e a discreción que se reserva aos que fan cousas verdadeiramente grandes”, dixo Gonzalo
Louzao á premiada. De seguido, o alcalde da Estrada lembrou neste acto para conmemorar o 8
de marzo que “hai que continuar traballando, que o camiño aínda é longo”. “Homes e mulleres
temos que estar máis unidos que nunca para chegar a un obxectivo común, que nos engrandece
como sociedade”, concluíu.







































