GONZALO LOUZAO AGARDA QUE A HUMANIZACIÓN DA PRAZA DEGALICIA ARRANQUE NOS MESES DE VERÁN

• O proxecto acada a puntuación máis elevada entre os presentados ao
Plan Extra da Deputación de Pontevedra
• O goberno provincial aproba a financiación para a obra, que chega ao
70%, cunha subvención de máis de 807.000 euros
• O Concello ten xa a financiación para asumir o 30% restante ata
completar os 1.150.897 euros da reforma
• O alcalde asegura que “en ningún caso” a obra se fará coincidir coa
celebración do San Paio para non obstaculizar as patronais

– O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, informou hoxe de
que o proxecto de humanización e reforma da Praza de Galicia, centro neurálxico do casco
urbano estradense, acadou a puntuación máis elevada entre todas as iniciativas que se
presentaron para obter financiamento ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria, o coñecido
como Plan Extra da Deputación de Pontevedra. O goberno provincial que preside Luís López
aprobou onte a concesión de subvencións ás iniciativas presentadas dende numerosos concellos
pontevedreses. A resolución vencellada á Estrada reforza a aposta do rexedor municipal pola
previsión de que as obras poidan comezar nos meses de verán.
O plan para a reforma do entorno desta praza, que inclúe gañar para o peón un amplo e céntrico
espazo como guinda aos anteriores procesos nas rúas Ulla e Calvo Sotelo, sitúase á cabeza das
valoracións, con 86 puntos. Isto suporá que, dos 1.152.897 euros de orzamento da obra, a
Deputación achegue 807.028,27 euros, correspondendo ao Concello da Estrada sumar outros
345.869.
A cantidade concedida é a máxima á que optaba a administración municipal. Despois de teren
trasladado a súa satisfacción ante a resolución provincial, o xefe do executivo estradense sinalou
que o Concello conta xa coa financiación necesaria para poder cubrir a parte que lle corresponde
aportar neste proxecto. Indicou que a achega foi xa aprobada pola Xunta de Goberno Local, de
xeito que o camiño está xa avanzado para que, “coa pelota de novo no noso tellado”, arranquen
os trámites para lanzar a licitación da obra.
“É unha obra moito máis ambiciosa do que entendemos como Praza de Galicia en si”, manifestou
Gonzalo Louzao. O alcalde puxo o acento en que a actuación suporá gañar para o peón unha
céntrica superficie urbana duns 4.000 metros cadrados. Coma se vén perfilando meses atrás, a
actuación non queda só na Praza de Galicia, senón que se expande cara os entronques coa malla
urbana na que se asenta, chegando así á praza onde conflúen as rúas 56 e San Paio -onde agora
se localiza a escultura da Rapa das Bestas-, á Rúa Marqués de la Vega de Armijo, Pérez Viondi
ou Don Nicolás.

Despois de teren sinalado o seu desexo de comezar a preparar a licitación de cara a “ter a
empresa e aproveitar os meses de verán”, Louzao Dono fixo fincapé en que “en ningún caso” a
execución destes traballos chegaría ata pasadas as festas patronais de San Paio, ao obxecto de
que as obras non sexan impedimento nin obstáculo para a normal programación das actividades
desañadas pola comisión de festas.
A humanización da Praza de Galicia afronta a peonalización dun dos enclaves máis emblemáticos
da Estrada, alí onde se cruzan os camiños que no seu día foron xénese para o desenvolvemento
urbanístico da vila. O goberno que encabeza Louzao someteu a consulta cidadá o emprazamento
da farola ornamental que bautiza, de xeito oficioso, esta plaza. Recollendo o sentir dos
estradenses, o proxecto executarase conservando o elemento, aínda que aproximándoo ao
punto onde arrancará todo un longo paseo peonil que, xa coa Praza de Galicia pechada ao
tráfico, continuará por Calvo Sotelo e Ulla ata chegar á Porta do Sol.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.