Esta edición estreará a Santa Tapa Xove, que custará 1,5 euros para os
mozos, previa retirada da correspondente cartilla nas oficinas da ACOE
e só na primeira consumición en cada un dos locais participantes.
Para os demais asistentes, as tapas nos 24 establecementos que teñen
intención de secundar a convocatoria para esta Semana Santa terán un
custe de tres euros.
Os locais distribuiranse en catro rutas, desta volta con propostas de dúas
modalidades: cociña tradicional e de fusión
Aqueles que completen o percorrido accederán ao sorteo de 1.000 euros.
Os clientes xulgarán as mellores tapas do certame
Todo en marcha xa para una nova edición das
xornadas gastronómicas coas que A Estrada celebra, dende hai anos, a Semana Santa.
Concello e Hostaleiros da Estrada aproveitaron a reunión celebrada na tarde do
mércores para pechar xa moitos dos detalles que marcarán a convocatoria das “Santas
Tapas” deste 2025, que chega con varias novidades, aínda que co desexo de sempre de
seguir contando coa participación de veciños e visitantes nestas sesións de degustación.
Un dos cambios máis importantes vai dirixido á mocidade, xa que o Concello
subvencionará a súa asistencia coa estrea da chamada Santa Tapa Xove.
O edil de Promoción Económica, Óscar Durán, explicou que as case tres horas de reunión
permitiron chegar a diversos acordos. Un deles foi fixar o prezo das propostas que os
hostaleiros ofertarán aos clientes durante estas xornadas en tres euros por ración. Para
favorecer a participación dos máis novos, o Concello asumiu o compromiso de asumir a
metade do importe da tapa para os consumidores de entre 18 e 25 anos, de xeito que
para eles custe 1,5 euros.
Para sumarse á Santa Tapa Xove será preciso que os interesados acudan ás oficinas da
Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) para retirar unha cartilla específica,
previa identificación e acreditación da súa idade a través do seu carné de identidade.
Cómpre aclarar que este desconto do 50% será de aplicación na primeira tapa que
consuman en cada establecemento. Se deciden repetir, terían que asumir o custe xeral
das tapas.
Por outro lado, as “Santas Tapas” incorporan este ano dúas modalidades: tapa
tradicional e tapa fusión. Cada establecemento terá a liberdade de escoller por cal
destas dúas categorías aposta. A organización acordou que na próxima semana os
establecementos formalicen a súa adhesión á campaña, ademais de presentar o nome,
características da tapa coa que acoden á campaña e información de alérxenos. Nos
primeiros días da última semana de marzo realizaranse as fotografías dos pratos para
configurar xa a cartelaría e os folletos cos que contarán os locais para entregar aos
clientes.
Horario e premios
A previsión é que os locais se distribúan en catro rutas diferentes, cada unha delas
bautizada co nome dun río da Estrada. Servirán as “Santas Tapas” dende o mércores 16
en sesión vespertina ata o domingo 20 de abril. O horario mínimo para degustalas será
de 12.30 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas, quedando a criterio de cada hostaleiro se
amplía este tempo para a degustación.
En canto aos premios, sortearanse un premio grande de 1.000 euros entre aqueles que
completen todas as rutas e, polo tanto, proben ao longo destas xornadas a proposta de
cada establecemento. Tapear só nalgúns locais pode brindar algún dos premios menores
que baralla a organización. A maiores, as mellores suxestións gastronómicas tamén
serán premiadas, con galardóns para a mellor tapa tradicional, a mellor da categoría de
innovación e para a tapa mellor presentada.







































