MÁIS DE 500 MAIORES DA ESTRADA INICIARÁN O 1 DE ABRIL ASACTIVIDADES MUNICIPAIS DE PREVENCIÓN DA DEPENDENCIA 2025

 Entre os inscritos, figuran 390 veciños do rural e 122 do casco urbano.
Para eles convócanse clases de xerontoximnasia, pilates e memoria.
 Nas aldeas haberá 30 grupos e confórmanse outros 8 para as sesións que
se desenvolvan na vila, en ambos casos cunha sesión semanal
 A primeira quenda de actividade será abril-xuño, arrancando a segunda
a mediados de setembro e chegando á metade de decembro

 

– Un total de 512 veciños do Concello da Estrada
estrearán o próximo 1 de abril, tanto no casco urbano coma no ámbito rural, o programa
municipal de Prevención da Dependencia, deseñado polo departamento que dirixe a edil
Amalia Goldar. A primeira quenda destas sesións chegará ata o mes de xuño,
retomándose as clases en setembro, tras unha parada estival.
En total son 30 as parroquias nas que se desenvolverán estas actividades, se ben varios
destes grupos condensan a veciños procedentes doutros lugares do municipio nos que o
volume de matrícula non chegou ao mínimo de participantes para conformar aula. No
casco urbano figuran nesta convocatoria outros 8 grupos. Nas parroquias hai anotadas
390 persoas e na capital estradense, 122.
O departamento de Servizos Sociais ten xa unha proposta inicial de adxudicación na que
figuran dúas empresas que están agora aportando a documentación requirida pola
administración para asinar o correspondente contrato. Estas firmas encargaríanse de
impartir talleres de xerontoximnasia (22 parroquias e dous grupos no casco urbano),
pilates (5 parroquias e 3 grupos na vila) e taller de memoria (3 parroquias, 2 grupos no
casco urbano e 1 grupo na residencia de maiores).
Na vila todas as actividades ofertadas teñen horario de mañá e tarde, mentres que nas
parroquias as sesións serán todas vespertinas. Ámbolos dous ámbitos residenciais terán
unha única clase á semana. No rural os veciños xa teñen calendarizada a súa actividade
-aínda que pode haber modificacións se hai un acordo unánime-, mentres que no casco
urbano os usuarios aínda poden escoller grupo en función das súas preferencias
horarias.
O custe anual do programa de Prevención da Dependencia será de 35 euros, o que inclúe
as clases que se desenvolvan na quenda abril-xuño e dende mediados de setembro ata
mediados de decembro. Co arranque das primeiras clases, as persoas apuntadas
poderán satisfacer o pago, escollendo entre abonar 15 euros agora e 20 despois, ou
pagar xa a cantidade íntegra. En todo caso, irán recibindo o correspondente aviso
municipal para facer o ingreso.
Musicoterapia e piscina
Por outra banda, o próximo luns, 17 de marzo, arranca o prazo de inscrición para asistir a
outras actividades dirixidas aos maiores da Estrada: musicoterapia xerontolóxica e a
segunda quenda de piscina.
No caso de musicoterapia, a matrícula pecharase o 26 de marzo. Haberá unha primeira
quenda de clases entre o 1 de abril e o 24 de xuño, programándose a segunda do 2 de
setembro ao 23 de decembro. A primeira delas terá un custe para os usuarios de 15
euros, sendo 20 euros o importe da segunda. As solicitudes (o modelo está xa aloxado na
páxina web municipal) poden presentarse en Servizos Sociais (de 09.00 a 14.00) ou na
sede electrónica do Concello da Estrada. Para participar é preciso estar empadroado no
municipio e ser maior de 60 anos, ou ter unha idade inferior e unha discapacidade igual
ou superior ao 33%.
Para asistir á segunda quenda de piscina para maiores, a inscrición abre o luns 17 e pecha
o día 24. Requírese un mínimo de 7 alumnos por sesión e un máximo de 12. As clases
serán os luns (de 09.15 a 10.00; de 16.30 a 17.15 e de 19.30 a 20.15), mércores (09.15 a
10.00) e venres (de 09.00 a 09.45 e 09.45 a 10.30). As sesións irán do 2 de abril ao 20 de
xuño, ambos incluídos. Para participar é preciso ter máis de 50 anos (ou ter recoñecida
unha discapacidade) e estar empadroado na Estrada. Terán prioridade as persoas que
non participaran na primeira quenda. O criterio de selección establecerase por número
de rexistro de entrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.