Brais Fernández, Víctor Bascuas e Adrián Silva serán os intérpretes
solistas deste ano, acompañados da banda que dirixe Álvaro Varela.
Durante o concerto estrearase a peza “Fantasía concertante para frauta
e banda”, do compositor Xosé Carlos Seráns Oliveira, que tamén estará
presente teatro estradense.
O Teatro Principal da Estrada erguerá este domingo,
23 de marzo, o pano para amosar aos integrantes da Banda de Música Municipal da
Estrada sobre o escenario. Será no Concerto de Solistas que ofrecerá a formación baixo a
batuta de Álvaro Varela Ferradáns.
O espectáculo arrancará ás 19.00 horas. Os músicos da banda acompañarán aos tres
intérpretes solistas que protagonizarán o concerto deste ano. Un deles será o gañador
de 2024, Brais Fernández Bascuas, músico de 12 anos que toca a trompeta. Os outros
dous serán Víctor Bascuas Sanmartín (toca o trombón e vén de rematar o Grado
Superior) e Adrián Silva Magdalena (é integrante da Banda de Música Municipal da
Coruña, profesor no Conservatorio Histórico de Santiago e tocará a frauta traveseira).
O concerto estará presentado po Damián Cortés, músico da Banda Municipal da Estrada
que regresou á entidade tras estaren un tempo ausente das actuacións. En canto ao
repertorio, Brais Fernández interpretará “El Cid”, unha peza de Bert Appermont
inspirada no lendario cabaleiro e heroe popular Rodrigo Díaz de Vivar. Despois dunha
apertura tipicamente española, seguirán unha sección máis lenta que recolle elementos
do popular concerto de Aranxuez e do coñecido Adagio de Albinoni. Remata cun potente
acelerado que pecha a obra.
Pola súa banda, Víctor Bascuas escolleu “T-Bone Concerto”, de Johan de Meij. É unha das
obras cumio deste compositor, que foi trombonista profesional, polo que coñece de
primeira man as posibilidades e recursos deste instrumento. A isto engádese a súa valía
como compositor. A peza interpretouse en tódolos recunchos do mundo e é de estudo
obrigado en moitos conservatorios.
Finalmente, Adrián Silva interpretará unha peza de estrea absoluta. Trátase de “Fantasía
concertante para frauta e banda”, de Xosé Carlos Seráns Oliveira, compositor que estará
presente o domingo para desfrutar do concerto. A obra está inspirada nas vivencias e no
enorme vínculo que o autor tivo e teu coa súa filla frautista, Lucía Seráns. Aínda que a
linguaxe musical tende ás veces á modernidade, en xeral a inspiración da obra está na
música popular e tradicional galega. Carlos Seráns é tubista profesional, exercendo
dende hai décadas na Banda Municipal de Santiago. Tamén é director e compositor e foi
sempre un gran dinamizador da música e dos músicos galegos.
O programa do concerto reserva tamén outra peza alegre e festiva, “A Festa das
trompetas”, de Leroy Anderson. Nela, os trompetistas deberán despregar moitas das
posibilidades técnicas do seu instrumento, en especial a rápida articulación.
A Banda Municipal da Estrada aproxímase actualmente aos 70 músicos, cunha media de
idade que se sitúa nos 20 anos.
A entrada ao concerto é libre, ata completar o aforo.







































