O alcalde da Estrada traslada a felicitación á nova autoridade do
Instituto Armado para a provincia pontevedresa.
O rexedor ten xa concertada unha reunión para o martes, na que
abordar cuestións de seguridade cidadá e a situación do acuartelamento
da Garda Civil na localidade.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, asistiu este
mediodía á toma de posesión do estradense Manuel Touceda, que asume o mando da
Comandancia da Garda Civil en Pontevedra. O alcalde aproveitou o acto para felicitar ao
coronel en nome propio e no dos veciños da Estrada, toda vez que regresou ao municipio
quedando emprazado a un novo encontro, esta vez de traballo, para a vindeira semana.
Tras dez anos como número 2 da Comandancia de Pontevedra, Manuel Touceda pasou
brevemente polo acuartelamento da Garda Civil en Lugo en comisión de servizo, xusto
antes de ser elixido para converterse na máxima autoridade de Instituto Armado para a
provincia pontevedresa.
No momento de coñecerse o seu nomeamento, o coronel estradense avogou por
continuar o traballo que se veu facendo dende a Comandancia e que coñece ben. Porén,
apostou por incrementar o peso das unidades de investigación e mellorar na
intervención fronte á violencia de xénero. Sinalou tamén a importancia de preparar as
estruturas para a ciberdelincuencia, que non deixa de incrementarse e que esixe
adaptación.
Louzao Dono remarcou que, durante o discurso que pronunciou onte Manuel Touceda
-o acto celebrouse no acuartelamento da Garda Civil en Domingo Fontán (Poio)- fixo
referencia aos concellos, afondando na relación de cercanía deste corpo para os
cidadáns. “Para os municipios que temos Policía Local, a Garda Civil é tamén un corpo
moi importante para que os veciños perciban esa presenza e sentimento de
seguridade”, dixo o mandatario local. O alcalde trasladou o desexo de acompañar a
Touceda como representante dos estradenses. “El é da Estrada, concretamente do Val
de Vea, e moi orgulloso de selo”, apuntou Louzao, para seguidamente sinalar que ese
sentimento local fixo que tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, o
estradense José López Campos, asistise hoxe á toma de posesión do coronel.
O alcalde da Estrada ten xa concertada unha cita con este mando da Garda Civil. Será o
vindeiro martes, 25 de marzo, ás 10.00. O rexedor trasladou a súa intención de abordar
co coronel Touceda cuestións de seguridade cidadá e tamén a situación do
acuartelamento da Garda Civil na Estrada, tanto no referente a medios como a efectivos.







































