O prazo para a petición de matrícula no centro educativo que xestiona o
Concello da Estrada estará aberto durante a primeira quincena do mes
de abril.
O grupo de bebés oferta 16 prazas de novo ingreso, con 13 nas aulas de 1
a 2 anos e outras 8 nas dos nenos de entre 2 e 3.
A escola abriu as súas portas no 2002 e continúa sendo unha das
opcións preferentes para a matrícula, axudada polas súas 13 horas de
servizo diario e o seu comedor.
Este curso son 87 as prazas cubertas no centro.
A Escola Infantil Municipal da Estrada abrirá o luns o
período de solicitude de prazas para o vindeiro curso 2025/2026, ofertando un total de
37 matrículas de novo ingreso. Os interesados teñen que formalizar a súa petición
presentando o correspondente impreso de solicitude durante a primeira quincena do
mes de abril.
Segundo os datos aportados polo centro educativo, para o vindeiro ano académico
existen aulas dos tres grupos de idade con vacantes para alumnos de nova
incorporación. A maior oferta está no grupo de bebés ou, o que é o mesmo, de 0 a 1
anos, con un total de 16 prazas dispoñibles. De seguido, o curso de 1 a 2 tería 13
vacantes, mentres que nas aulas de 2 a 3 a oferta desta convocatoria de prazas é de 8.
Os impresos de solicitude entregaranse na propia escola, onde tamén están dispoñibles
para a súa recollida. Unha vez cumprimentados, terán que ser entregados con toda a
documentación requirida. É o caso da fotocopia do Documento Nacional de Identidade
(DNI) da nai, pai e, se fose o caso, representantes legais; fotocopia e orixinal do libro de
familia; fotocopia do xustificante da ocupación laboral, dúas últimas nóminas ou último
recibo da cota de Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta
propia; fotocopia e declaración do IRPF dos proxenitores; ou fotocopia e orixinal do
título de familia numerosa, de ser o caso, entre outros documentos.
Aberta no ano 2002, a Escola Infantil Municipal é dende hai anos unha sólida alternativa
para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar na Estrada. Os anos nos que o
centro pechaba o período de matrícula cunha nutrida lista de espera quedaron atrás,
grazas á construción dunha nova escola infantil pública, dentro da rede autonómica, na
Baiuca. Porén, a amplo horario que ofrece a escola que xestiona o Concello da Estrada,
con 13 horas de servizo, e o feito de que ofreza tamén ás familias un comedor con cociña
propia fai que estas instalacións educativas continúen sendo unhas das de maior
demanda entre os proxenitores estradenses para os primeiros pasos dos seus fillos nas
aulas de Educación Infantil.
Completa
Deste xeito, no presente curso son 87 os cativos matriculados na Escola Infantil
Municipal da Estrada. Aínda que non existe lista de agarda, é certo que están ocupadas
todas as prazas, coa única excepción das que a adminsitración ten que reservar para
situacións de emerxencia.
Esta escola funciona cada día dende as 07.30 ata as 20.30 horas, se ben os alumnos non
poden superar as 8 horas diarias de permanencia no centro. Con todo, esta amplitude
horaria é unha das cuestións moi valoradas polas familias, na medida en que permite
maior flexibilidade a moitos pais e nais á hora de tentar cadrar as características da súa
xornada laboral coa axeitada atención dos seus pequenos.







































