As competencias da administración local ante postes e cableado
afectado rematan nas notificacións a Telefónica, sendo a empresa quen
ten a obriga de solucionalas .
Manuel Magariños sinala que en Fontenlo (Couso) a situación do
tendido comunicóuselle á empresa, que contesta que está á espera de
material para resolver a incidencia.
“Igual o BNG pode preguntar ao seu socio no Goberno, que posúe o
10% da compañía”, sinala o responsable de Novas Tecnoloxías.
O edil estradense de Novas Tecnoloxías, Manuel
Magariños, quixo facer hoxe unha serie de aclaracións ao fío das críticas vertidas a
pasada fin de semana polo grupo municipal do BNG sobre a situación na que se atopan
algúns postes do tendido telefónico no ámbito rural. O integrante do goberno local
contestou con datos e precisou que, dende o 9 de xaneiro de 2024, o Concello xestionou
con Telefónica un total de 38 incidencias vencelladas ao seu tendido, tanto por postes
caídos como por cableado que non está nas condicións debidas. Deste montante, 25
déronse xa por pechadas e outras 13 continúan abertas.
Magariños quixo tamén aclarar que o Concello fixo os deberes que lle corresponden
perante estas incidencias, que rematan coa inmediata comunicación das mesmas á
compañía que ten tanto a competencia como a obriga de solucionalas. Explicou que
algunhas delas derívanse da caída de postes a consecuencia de situacións
meteorolóxicas adversas, mentres que outras atenden a explicacións de outra índole,
caso de cables caídos ou tendidos baixos que afectan á seguridade viaria ou xeran
molestias e incomodidades para os cidadáns.
O responsable estradense de Novas Tecnoloxías explicou que todas estas incidencias se
poñían en coñecemento de Telefónica ata o de agora a través do correo electrónico ou
por vía telefónica. Porén, dun tempo a esta parte, atendendo ás indicacións de
responsables da compañía para a comunidade autónoma, pasaron a notificarse a través
dunha plataforma.
Aclarou Manuel Magariños que moitas destas incidencias son participadas ao Concello
polo servizo Emerxencias A Estrada, desprazado en diversas ocasións pola caída de
postes sobre a rede viaria, por tendidos que se descolgaron ou por cables que están
invadido espazo público. Neses casos, Emerxencias activa un aviso perante o 112 e
tamén ante o Concello. Noutros casos, estas incidencias son detectadas polo equipo
técnico de Aestradadixital.
Fontenlo
Magariños Maceiras aproveitou a ocasión para exemplificar esta situación referíndose
ao tendido de Fontenlo, na parroquia de Couso, á que se referiu o BNG, con cables
telefónicos descolgados. Explicou o dirixente local que o Concello trasladou esta
situación a Telefónica, notificando que estes cables están afectando a unha vivenda e a
un invernadoiro. Precisou que existe un correo do 14 de marzo e que dende Telefónica
se lle comunicou á administración municipal que a solución ao problema estaba
pendente do subministro de material para poder proceder á reparación.
“O 10% da compañía pertence ao seu socio de Goberno”, trasladou Magariños ao BNG.
Engadiu que igual os nacionalistas lle poderían preguntar se en concellos que non estean
gobernados polo Partido Popular se imprime maior celeridade na resolución destas
incidencias. “Ou tamén poden instar ao seu socio a que se lles dea unha pronta
situación”, propuxo.






































