A intervención segue as recomendacións dos axentes das Policía Local e
suporá o repintado dunha trintena de pasos de peóns, xunto á creación
dalgúns novos.
Renovarase a delimitación dos estacionamentos incluídos na zona azul e
nas zonas verdes, para o estacionamento rotatorio e de residentes.
As accións inclúen incrementar a seguridade peonil na saída do
estacionamento público do Teatro Principal e no entorno de servizos da
Baiuca.
O Concello da Estrada vén de emprender unha mellora na
sinalización horizontal para incrementar a seguridade viaria na capital estradense.
Aproveitando as favorables condicións meteorolóxicas, as brigadas municipais iniciaron
o repintado de pasos de peóns e doutras sinais tendentes a favorecer un tránsito peonil
máis seguro pola vila. Os traballos continuarán ao longo dos vindeiros días, tendo en
conta que responden a unha minuciosa inspección realizada polos axentes da Policía
Local, que derivou nun informe no que se sinalan as intervencións que revisten unha
maior urxencia.
As actuacións programadas chegarán a unha trintena de pasos de peóns que tiñan a
pintura desgastada polo uso. Empregarase agora unha pintura de dous compoñentes,
que non só garante unha maior duración en condicións óptimas de visibilidade, senón
que tamén favorece unha maior adherencia dos pneumáticos dos vehículos e que,
ademais, resulta menos esvaradía. Estiman que a empregada ata o de agora acusaba
desgaste ao ano da súa aplicación e agárdase que a escollida para a actuación actual
permita prolongar ata os cinco anos a sinalización en condicións axeitadas.
Ademais de pintar os pasos de peóns, a intervención farase extensiva ao reforzo dos
illotes ou zonas e liñas amarelas, especialmente estragadas nalgunhas esquinas das
beirarrúas. De igual xeito, dende a Policía Local tamén se recomendou renovar a
sinalización de toda a zona azul, reservada ao estacionamento rotatorio regulado con
disco horario, e das prazas de aparcamento delimitadas como zona verde,
especificamente dirixidas a residentes.
Estacionamento do Teatro Principal
No contexto desta mellora da sinalización horizontal en todo o casco urbano estradense
o goberno que encabeza Gonzalo Louzao Dono, asesorado pola Policía Local, quixo
apostar por introducir cambios a zona de estacionamento público en superficie
habilitada xunto ao Teatro Principal.
Os axentes advertiron que na saída dos vehículos cara Serafín Pazo se viña producindo,
en ocasións, una invasión abrupta da beirarrúa. Deste xeito, aproveitando o pintado do
paso de peóns próximo, prolongarase esta sinalización na zona de saída da área de
estacionamento, facendo fincapé na prioridade que teñen os peóns neste punto e na
obrigatoriedade dos condutores de extremar a precaución atendendo a que, en
realidade, atravesan -na entrada e saída do estacionamento- unha beirarrúa. Asemade,
coa intención de evitar que os coches saian a velocidade inoportuna, instalaranse unhas
gomas redutoras.
Por outra banda, a actuación que xa se está concretando nas rúas da Estrada inclúe
tamén a sinalización de dous novos pasos de peóns nas dúas travesías da Avenida de
Pontevedra, recollendo unha petición veciñal. Tamén se crearán dúas novas prazas para
persoas con discapacidade fronte á Tesourería da Seguridade Social.
De igual xeito, os traballos aproveitaranse para pintar o aparcamento público na zona da
Baiuca, entre a N-640 e a escola infantil da rede Galiña Azul, incorporando a este espazo
público certa sinalización que aínda non estaba operativa







































