O PUNTO LIMPO REABRIRÁ RENOVADO TRAS A SEMANA SANTA,CANDO SE TEÑAN COMPLETADAS AS MEDIDAS DE SEGURIDADE

 A instalación municipal sufre un novo roubo, que recomenda demorar a
apertura ata que queden debidamente instaladas as cámaras e as
alarmas de presenza no recinto.
 Os axentes da Policía Local reforzarán a vixilancia na zona para evitar,
tamén, depósitos indebidos e incontrolados de lixo.
 O servizo reabrirá cunha nova distribución e adaptado ás esixencias da
normativa que regula este tipo de recintos.

O Concello da Estrada reabrirá ao público as instalacións
do Punto Limpo municipal despois da Semana Santa. O edil Óscar Durán confirmouno
esta mañá, recoñecendo que, aínda que as obras realizadas permitirían que o recinto
medioambiental recuperase antes a súa actividade, un novo roubo nestas dependencias
aconsella non recuperar a actividade ata que estea completada a instalación das novas
medidas de seguridade. Segundo indicou, a empresa que se encargará do subministro e
colocación das cámaras de seguridade e alarmas de presenza trasladou ao Concello que
as dotacións se demorarían “entre unha semana ou dez días”.
Durán precisou que a reorganización e redistribución destas instalacións, situadas en
Penerada, está xa lista, se ben incidiu en que non se poden abrir sen antes activar as
medidas de seguridade. Incidiu en que, aínda en plena fase de execución das obras, estas
dependencias sufriron unha nova intrusión para o roubo de barras de ferro e outros
utensilios, ocasionando diversos danos no recinto municipal.
A raíz desta mellora na seguridade, que busca atallar roubos e entradas no Punto Limpo,
o concelleiro adiantou tamén que se reforzará a vixilancia policial na zona, coa intención
de evitar tamén o depósito indebido de residuos. Recoñeceu que o peche temporal das
instalacións derivou en que algúns cidadáns decidiran depositar igualmente pola zona o
material, ocasionando un vertido incontrolado. Neste sentido, lembrou que tirar
escombro ou lixo en lugares públicos leva aparelladas sancións económicas. Os controis

policiais e o incremento das medidas de seguridade neste entorno buscarán atallar tanto
os roubos como os vertidos.
Óscar Durán pediu aos cidadáns “paciencia”, sinalando que o que se busca con este
peche temporal do Punto Limpo non é outra cousa que unha mellora en beneficio do
servizo e dos seus usuarios. Lembrou, ademais, que se trata dunha atención única e
exclusivamente destinada a residuos “de uso doméstico”. A regulación existente recolle
que as empresas, tanto grandes como pequenas, teñen que xestionar e evacuación dos
seus residuos por outras canles, sen acudir ao efecto a unhas instalacións pensadas para
refugallo procedente do ámbito domiciliario. O Concello viña detectando o depósito
dunha cantidade de escombro nestes colectores excesivamente elevada, situación que
dispara a factura que ten que abonar a administración municipal para o tratamento
destes residuos. Só no mes de xaneiro o Concello tivo que asumir o pago de 18.125 euros
pola recollida.
Cambios
O edil amosou tamén hoxe como será a configuración do Punto Limpo tras os cambios
que se estiveron realizando nas súas instalacións. A configuración que achegou é o
resultado dunha reorganización integral do espazo, así como a súa adaptación ás
esixencias da normativa que regula este tipo de servizos de índole medioambiental.
Unha das novidades será a incorporación dunha caseta para Residuos de Aparellos
Eléctricos e Electrónicos (RAEES), que requiren unha estancia pechada e illada. Este
material ten que ser, ademais, depositado con identificación da persoa que o achega,
ten que pesarse e etiquetarse axeitadamente.
No tocante aos cambios que se introducirán coa nova xestión, o depósito de residuos
terá que adecuarse ao que a lei contempla para o funcionamento dos puntos limpos.
Neste senso, os usuarios que acudan ás instalacións teñen que ser identificados antes de
introducir o material que acheguen nos contedores correspondentes. A maiores, a
normativa regula un número máximo de quilos para o depósito. O Punto Limpo e a
xestión dos residuos supón un custe anual de 180.000 euros para o Concello, que busca
coa aplicación das novas medidas un aforro de 30.000.
Coa súa reapertura, despois da Semana Santa, as instalacións municipais seguirán
funcionando no mesmo horario: de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en horario
partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00.
Limpeza de rúas
Noutra orde de cousas, o goberno local adxudicou xa á firma Geseco a limpeza intensiva
de varias prazas e dunha batería de rúas céntricas da capital estradense, buscando
procurarlles un mantemento óptimo e mellorando a estética dunha vila que se busca

cada vez máis aberta ao goce e esparexemento dos cidadáns. Óscar Durán precisou que
a intención é que os traballos comecen de xeito inmediato para que poidan quedar
concluídos para a celebración, no mes de maio, da Festa do Salmón.
A actuación levarase a cabo na zona pavimentada en formigón da alameda municipal,
unha ampla superficie que require o uso de maquinaria especializada para retirar as
adherencias, máis acusadas nas zonas de sombra. Tamén se fará extensiva esta mellora
a ampla Praza da Constitución, coa mesma pavimentación que as prazas e paseos
interiores dos xardíns municipais. De igual xeito, a limpeza terá que chegar ás rúas San
Antón, Serafín Pazo, Calvo Sotelo, Travesía de Vea, Travesía da Igrexa, Cruceiro (Zona
dos Viños), Peregrina, Pérez Viondi (no tramo comprendido entre a Praza de Galicia e
Avenida Benito Vigo), Don Nicolás, Iryda e Praza do Mercado.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.