Os consumidores de 18 a 25 anos poderán retirar dende mañá, na sede
da ACOE, os cartóns de Tapa Xove para que o Concello subvencione a
metade da primeira tapa que consuman en cada un dos 22
establecementos.
Haberá dous grandes premios de 1.000 euros, un de Hostaleiros da
Estrada e outro da Asociación de Comerciantes.
Os locais divídense en 4 rutas, con 12 que se decantan pola Tapa
Tradicional e outros 10 que servirán Tapa Innovación.
Catro rutas, 22 locais participantes e grandes premios en
xogo. Concello e Hostaleiros da Estrada presentaron este mediodía a cartelaría e as
tarxetas de participación para a duodécima edición das xornadas de degustación “Santas
Tapas”, un evento gastronómico que se desenvolverá entre o mércores 16 e o domingo
20 de abril. Este ano chegan coa novidade da estrea da Tapa Xove, na que os
consumidores de entre 18 e 25 anos abonarán a metade do importe na primeira tapa que
degusten en cada establecemento, de xeito que para eles o custe sexa de 1,5 euros. O
concello subvenciona a parte restante ata chegar ao prezo xeral das tapas, que será de 3
euros. A estimación que se baralla, atendendo á experiencia das edicións anteriores, é que
se distribúan arredor de 16.500 pinchos. Nos últimos anos a media foi de 750 distribuídos
por establecemento participante, con algúns deles superando amplamente o milleiro.
As persoas interesadas poderán retirar dende mañá, na sede da Asociación de Comerciantes
da Estrada (ACOE), a cartilla para a Santa Tapa Xove, que esixe a acreditación do
cumprimento do requisito de idade a través da presentación do Documento Nacional de
Identidade (DNI). As demais cartillas estarán tamén xa dende mañá a disposición do público
nos diferentes locais participantes. Os 22 establecementos divídense nas rutas Río Ulla, Río
Liñares, Río Deza e Río Umia, combinando propostas das dúas categorías deste ano: Tapa
Tradicional e Tapa Innovación.
Tamén os premios chegan con novidades. Aqueles que teñan na súa “folla de ruta” os selos
de todos os establecementos participantes e, polo tanto, teñan probado as 22 tapas
dispoñibles, poderán optar a dous grandes premios de 1.000 euros cada un. Un destes
premios chega proporcionado pola Asociación Hostaleiros da Estrada e outro pola ACOE.
Nos dous casos, polo menos 500 euros serán para consumir nos establecementos adheridos
a estes dous colectivos. A maiores, a organización reserva “moitos agasallos máis” para o
público participante.
Tamén os clientes premiarán ao hostaleiros. Será a través das súas votacións para elixir á
mellor tapa do certame. De igual xeito, votarase á mellor presentación, á mellor tapa
tradicional e á mellor tapa innovación.
Cómpre lembrar que todas as papeletas terán que quedar depositadas nas caixas
especificamente habilitadas nos establecementos participantes. Estes terán un horario
mínimo para ofrecer as Santas Tapas aos seus clientes: de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00
horas. Porén, queda a xuízo de cada establecemento ampliar este horario canto desexe.
Por categorías
Este ano os establecementos participantes nas “Santas Tapas” escollerán entre
suxestións tradicionais ou as propias da chamada cociña de fusión. Na primeira
modalidade inscríbense 12 establecementos, con outros 10 na segunda. Así, Na Ruta Río
Ulla, Scala, O Café de Xulia e Oasis decántanse polos pratos tradicionais, con tapas de
innovación en Eureka e O Mesón. Na Ruta Río Liñares as propostas están empatadas: O
Candil de Silvia, Velis e As Tres Portiñas ofrecen tapas de innovación, mentres que
Enredo, A Riala e 20 Berzas preferiron a cociña máis tradicional.
Na Ruta Río Deza, Bodeguiña, Malo Será e Central teñen tapa de tradición, con cociña de
innovación en Salvaxe e A Lacena de Chucha. Finalmente, na Ruta Río Umia, O Lar,
Lagoeiro e Florida compuxeron pratos de cociña tradicional, con propostas de
innovación en Andalucía, Resistencia e Samaná.







































