“FUNCIONAR COMO EQUIPO DÁ RESULTADOS: LONXE DE HABER UNANO DE PARÁLISE, ESTE FOI UN ANO DE AVANCES”, VALORA GONZALOLOUZAO

 Xusto cando se cumpre un ano dende que tomou o bastón de mando da
Estrada, o alcalde recoñece a intensidade e as vivencias destes 12 meses
e amósase ilusionado polos proxectos nos que o Concello está inmerso.
 Renderá contas á cidadanía deste primeiro ano de mandato nun acto
público e aberto programado para o sábado 26 de abril, no Teatro
Principal.
 “Un cambio tan importante como é suceder a un gran líder serviu tamén
para facer entre os dous un novo equipo, un tándem”, di en relación ao
seu antecesor e agora conselleiro de Cultura, José López.

 “Este non foi un ano normal para min. Semella que non
foron só 12 meses, tanto pola intensidade como polas vivencias”. Así comezou o alcalde
da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, unha intervención de balance do que foi o seu
primeiro ano sostendo o bastón de mando do municipio. “Ten que ser a cidadanía a que
avalíe este ano. Eu preséntome coa humildade máxima: foron 12 meses de moito
traballo, de escoitar moito á xente desta casa que leva moitos anos e tamén á cidadanía.
Foron, tamén, 12 meses de planificar moitas cousas, de ir executando proxectos -que
nestes días avaliaremos para render contas á cidadanía-, pero tamén de planificar
moitos outros”. Louzao confirmou así que, aínda que este domingo se cumpre xusto o
seu primeiro ano de mandato, será o sábado 26 de abril cando o analice publicamente,
nun acto institucional público e aberto a todos os estradenses que se celebrará no
Teatro Principal.
A xeito de anticipo, Gonzalo Louzao recoñeceu o peso que supuxo asumir o relevo
despois de “13 anos de goberno de José López Campos cun gran apoio social”. “Un
cambio tan importante como é suceder a un gran líder serviu tamén para facer entre os
dous un novo equipo, un tándem, porque José sigue estando presente axudando sempre
con calquera cousa que se necesita na Estrada”, dixo. “Foi un ano dunha transición
brillante polo talante dos concelleiros, do esforzo que se fixo por parte do goberno e

tamén do persoal do Concello, que asumiu un papel importante no que tivo que ver con
este cambio, con adaptarse a calquera necesidade que fose xurdindo”, recoñeceu
tamén. Tras agradecer publicamente a implicación do persoal municipal coa súa
Alcaldía, o rexedor quixo pór o acento en que neste ano se demostrou “que funcionar
como equipo dá resultados: lonxe de haber un ano de parálise, houbo un ano de seguir
avanzando”.
“Parece o normal, pero non o é”
Referíndose á transición modélica e rápida que se amosou no Concello da Estrada,
Gonzalo Louzao considerou que “o equipo demostrou que soubo seguir traballando a
pesares de que o líder que os cosía cambiou e seguiu funcionando como un”. “Parece
que é o normal pero non o é. Aquí houbo unha excepción e un referente. Así se avalía
dende fóra e tamén o temos que avaliar así dende dentro”, reflexionou.
O rexedor local tamén quixo recoñecer publicamente que “a cidadanía estradense tivo
un trato exemplar deste cambio”. “No persoal teño que agradecerlle á xente que me
acollera con moitísimo cariño. Aos sitios aos que vou recibo moito agarimo da xente e eu
espero estar á altura e ofrecerlle os mellores anos da miña vida e dar o mellor de min
para chegar ao que este concello necesita”, apuntou.
“A burocracia da administración fai que moitas veces non se vexa todo o traballo que se
está facendo, pero imos ter meses de moito traballo na rúa e de moitas accións que se
van ver moi pronto executadas. Esta é a gratitude deste traballo de servizo público”,
continuou o xefe do executivo estradense.
Nun ano de “non mirar o reloxo, de empatizar e de escoitar”, Louzao Dono dixo ter vivido
de primeira man como o alcalde é “ese referente próximo que se busca” na
administración más achegada ao cidadán. “Sentirse útil para tentar solventar dende a
grande obra ata a máis pequena, dende o evento de calquera recuncho dos nosos 473
núcleos de poboación ata as patronais da Estrada”.
Velocidade de cruceiro
“Que seguiramos coa velocidade de cruceiro foi mérito da implicación persoal e do
traballo en equipo para seguir executando os proxectos que xa había e tamén poñendo
enriba da mesa novas ideas e proxectos”, dixo o mandatario, xusto no momento de
sinalar que a mellora das comunicacións, a vivenda, as posibilidades laborais a través da
ampliación pública do solo industrial e a aposta “polas 50 parroquias+1” que
representan A Estrada son os piares da súa xestión de goberno.

O mandatario recoñeceuse ilusionado polo novo capítulo de oportunidade que abren
“os novos fondos europeos ou a consecución de outros que fan que tamén lle podamos
dar un estilo propio ao goberno que eu tiña claro dende o primeiro momento”.
Non esqueceu o alcalde a súa “especial sensibilidade polo mundo rural”, “que agora
teño que demostrar e cumprir a nivel de financiamento coas expectativas e prioridades
que se xeraron xa dende os primeiros días de mandato”, asumiu.
No acto no que o alcalde debullará, máis polo miúdo, o que foi este ano de goberno,
estará presente o seu antecesor, José López Campos, e tamén se cursará invitación aos
demais grupos políticos que integran a corporación municipal estradense.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.