O ALCALDE SUPERVISA O AVANCE DAS OBRAS DO MÓDULO CUBERTOMULTIDEPORTE, QUE REMATARÁN CARA FINAIS DE ANO

 Os traballos céntranse neste intre na planta que albergará o ximnasio e a
zona ideada para artes marciais, con tres tatamis.
 Cubrindo necesidades como os vestiarios, aseos ou almacéns de material
para as anexas pistas de atletismo, ofrecen tamén una solución cuberta
para esta práctica.
 Terán foso de area a cuberto e pistas para poder practicar salto con
pértega, saltos de lonxitude ou probas de velocidade e vallas.
 “Coa ambición deste espazo vaise seguir atraendo a moitos deportistas e
probas de referencia porque unhas instalacións así non as hai en ningún
outro lugar”, sinala Gonzalo Louzao.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, visitou as
obras que se están executando para a construción do novo módulo cuberto
multideporte, instalacións anexas ás novas pistas de atletismo. O rexedor percorreu a
zona de traballo acompañado polo arquitecto municipal, Daniel Órrea, e responsables
da adxudicataria desta obra, a firma Coviastec. As obras avanzan coa previsión de que
poidan quedar concluídas a finais de ano.
O mandatario coñeceu o avance dos traballos sobre o terreo, recibindo as explicacións
técnicas. Percorreu o que será a planta inferior do novo inmoble, onde se habilitará un
ximnasio e unha ampla zona especificamente pensada para artes marciais, con tres
tatamis.
Aproveitando o desnivel existente nos terreos nos que se está construíndo o módulo ou,
o que vén sendo o mesmo, entre as pistas de atletismo e os terreos da Academia Galega
de Seguridade Pública (Agasp), o novo centro multideporte servirá de comunicación
entrámbolos dous recintos. De feito, o edificio terá acceso dende a cota de terreo da
academia e dende as novas pistas, prevéndose un terceiro acceso pola que será a súa
parte frontal.


As instalacións permitirán dotar de servizos as propias pistas de atletismo, cubrindo
necesidades como os vestiarios, aseos, almacéns de material ou o propio ximnasio. A
maiores, contando cun orzamento que se sitúa por encima dos 2 millóns de euros, as
novas instalacións permitirán dotar á Estrada de espazo específico para a práctica de
atletismo totalmente cuberto. Isto brindará a oportunidade de que os adestramentos e
as competicións de probas técnicas poidan realizarse mesmo con condicións
meteorolóxicas adversas. Deste xeito, terán foso de area a cuberto e pistas para poder
practicar salto con pértega, saltos de lonxitude ou probas de velocidade e vallas.
Esta dotación será un complemento idóneo para as pistas ao aire libre inauguradas uns
meses atrás, de tal maneira que nestas instalacións se poidan programar competicións e
concentracións técnicas de alto nivel.
Como queda avanzado, na planta semisótano do novo módulo cuberto multideporte
haberá espazo específico para deportes como o judo, o karate ou o taekwondo,
disciplinas que agora mesmo están desprazadas, por falta dun recinto propio, ás
instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos.
“É unha aposta de dous millóns de euros que se vén sumar ao investimento doutros dous
millóns nas pistas de atletismo!”, lembrou Gonzalo Louzao. “Permite incluír aquí
deportes que, por dicilo dalgún xeito, non tiñan casa. Son moitos os que practican artes
marciais na Estrada e agora mesmo están en condicións moi mellorables na Fundación”,
sinalou o rexedor.
“Coa ambición deste espazo vaise seguir atraendo a moitos deportistas e probas de
referencia porque unhas instalacións así non as hai en ningún outro lugar”, concluíu.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.