A nova promoción pública de 28 vivendas será a quinta desta natureza
que se constrúa na capital estradense.
A día de hoxe figuran no municipio 88 inscritos no rexistro de
demandantes de vivenda protexida, 68 como solicitantes de inmobles de
promoción pública.
O alcalde agarda que esta sexa a primeira fase para dar resposta a esta
importante demanda.
Concello da Estrada e Xunta de Galicia amosaron ao
comezo desta mesma semana que comparten a aposta prioritaria pola vivenda. Tanto o
alcalde estradense, Gonzalo Louzao, como o presidente do goberno galego, Alfonso
Rueda, empregaron os seus discursos durante o acto celebrado en Lalín para poñer o
acento na “responsabilidade compartida” e na cooperación entre as administracións
públicas para ofrecer “solucións reais ao problema da vivenda”, sinalando que a
resposta pasa, necesariamente, por “cooperar, planificar e priorizar os recursos” para
actuar neste eido. Asinada a cesión da parcela para construír 28 novas vivendas nunha
rúa de nova apertura na urbanización que enmarcan as avenidas de Vigo, Pontevedra e a
Rúa Marín, o xefe do executivo local fixo hoxe fincapé en que este paso suporá a
primeira edificación de vivendas de promoción pública na Estrada despois de máis de
dúas décadas.
A nova promoción pública será a quinta que se levanta sobre solo estradense, despois
das dúas de maior antigüidade construídas ao pé da N-640, na Avenida de Pontevedra, e
outras dúas construídas, cunha maior proximidade no tempo, na Avenida Fernando
Conde. A última delas remóntase a comezos dos anos 2000. A intención do goberno que
encabeza Louzao Dono é que estas novas 28 vivendas de promoción pública marquen
unha primeira fase, neste caso sobre a parcela cedida ao efecto pola administración
municipal.
O alcalde fixo alusión hoxe a que esta construción permitirá comezar a dar resposta ao
elevado número de solicitantes estradenses que figuran no Rexistro Único de
Demandantes de Galicia. A día de hoxe son 88 as persoas inscritas que demandan unha
vivenda de protección no termo municipal estradense, sendo 68 os solicitantes que
vencellan o seu interese a vivendas de promoción pública, nas opcións de compra (14),
alugueiro (37) o alugueiro con opción de compra (17).
Pronta resposta
“Agradezo profundamente a rápida resposta que obtiven tralo ofrecemento de terreos á
consellería, na miña primeira reunión na Xunta como alcalde da Estrada”, dixo Louzao.
“Confío en que esta se converta nunha primeira fase, tendo en conta que o Rexistro de
Demandantes de Vivenda Pública está conformado por preto dun cento de estradenses
que buscan neste tipo de vivenda a súa solución residencial”, engadiu. O mandatario
agardou que a aposta das administracións pola construción de nova vivenda na Estrada
cale no sector privado e serva para “abrir dinámicas de tracción”, capaces de tirar no
sector “para que tamén vexa a oportunidade de investir no futuro estradense”, dixo.
O titular do goberno galego enmarcou o martes esta iniciativa nunha política integral e
ambiciosa que, segundo indicou, busca duplicar o parque residencial da Comunidade,
pasando de 4.000 a 8.000 vivendas públicas. A día de hoxe, subliñou, xa hai “máis de
2.000” en distintas fases de execución, tanto en cidades como en concellos medianos e
pequenos. “Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai
unha vivenda de calidade”, salientou.







































