Campañas de sensibilización os días de feira, nos centros educativos e
destinadas ás asociacións buscan rebaixar esta porcentaxe, polo menos,
ao 20%.
A medida acompásase da información para ir avanzando na introdución
do quinto colector, o destinado a residuos orgánicos.
A Estrada mobiliza cada xornada ata a planta de Sogama un quilogramo
de lixo por habitante e día.
O colector verde, o de maior volume de impropios.
Aproveitando a concorrencia da xornada feiral, o
Concello da Estrada sacou hoxe á rúa a información e a concienciación en materia de
reciclaxe e recollida de lixo para tentar reducir o actual 50% de residuos impropios nos
colectores do municipio. A través dunha posta en escena moi visual e coidada, os veciños
recibiron información de primeira man sobre o funcionamento de cada un dos
colectores da recollida selectiva, sobre o punto limpo -que xa leva un par de semanas
aberto tras as melloras que se estiveron realizando na instalación- e tamén sobre a
implantación do chamado quinto contedor, o de cor marrón que se destinará
especificamente aos residuos orgánicos.
Grandes paneis e material informativo de man permitiu aos cidadáns afondar en que
tipo de residuos teñen que ir a cada contedor. A campaña quedou instalada na zona
peonil, concretamente na Rúa Calvo Sotelo, xusto no tramo comprendido entre o cruce
con Justo Martínez e a Praza da Feira. Ata alí se achegaron este mediodía o alcalde,
Gonzalo Louzao Dono, e o edil responsable de Servizos Municipais, Óscar Durán.
“É unha campaña de concienciación, centrada en parte no contedor marrón, pero tamén
nun reforzo do que hai que reciclar e como hai que facelo, o que podemos tirar e o que
non, porque nos vai ao peto”, sinalou Durán. Avanzou que se fará tamén unha campaña
centrada nos grandes produtores e hostalería no tocante á introdución do quinto
contedor, que despois o Concello fará extensiva aos particulares. Cómpre lembrar que a
intención do Concello é comezar despois do verán, previsiblemente entre os meses de
setembro e outubro, cunha primeira fase para hostalería e establecementos que xeran
unha maior cantidade de residuos orgánicos. Na segunda etapa chegará a quenda dos
cidadáns, primeiro en período voluntario e despois xa de xeito obrigatorio.
Obxectivo: 20%
“A nós pídennos que teñamos, como moito, un 20% de residuos impropios nos
contedores e estamos case nun 50%”, expuxo Óscar Durán, que sinalou que o contedor
marrón terá a intención de reducir a cantidade de residuos impropios que se verten
actualmente no colector de cor verde. “O que pretendemos é clasificar todo o vertido e
que o que se bote ao marrón vaia para a compostaxe”, incidiu.
Nestes momentos o Concello da Estrada está mobilizando 20.000 quilogramos de lixo
por xornada ata a planta de Sogama, o que se traduce practicamente nunha media dun
quilo por estradense e día. Neste volume estímase todo o arroxado aos colectores, coa
excepción dos iglús destinados ao vidro.
“Estamos tirando o 50% do lixo mal. O obxectivo é chegar ao 20%”, incidiuse dende o
goberno local, conscientes de que o contedor que maior porcentaxe de residuo
impropio padece é o verde.
As campañas de sensibilización continuarán nas vindeiras semanas. Os paneis volverán
saír á rúa, polo menos, outros tres días de feira, chegando tamén algún sábado ao
entorno do Novo Mercado. Haberá tamén campañas específicas nos centros de ensino
do municipio e tamén outras no MOME dirixidas a asociacións.







































