O remate do curso na Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE)
muda o formato, apostando por pasar das funcións a montaxes
completas e do traballo docente ao de dirección de escena.
O grupo Picariños estrea o venres a obra “Do Revés”, continuando o
cartel o sábado con “Cronoestrada S.L.U”, roteiros teatralizados pola
vila e a historia da Estrada.
Sairán da Praza da Feira en seis remesas e requiren retirada previa de
convite no departamento de Cultura.
“Grease. O musical” chegará o sábado ás 20.00 e, o domingo, o Grupo
de Danza + estrea “As horas invisibles”.
Como broche para cada ano académico, a Escola
Municipal de Artes Escénicas (EMAE) da Estrada acostuma a programar, na recta final do
curso, unha serie de funcións que permitan ao alumnado experimentar o contacto co
público. Porén, este ano o centro formativo que dirixe Xosé Lueiro quixo dar un paso
máis, un no que se combine o feito de dar visibilidade ao traballo que se realiza na escola
cunha aposta por pasar da función á montaxe completa, do traballo docente ao de
dirección de escena.
A I Mostra de Artes Escénicas da Estrada, presentada esta mañá polo director da EMAE,
chega esta fin de semana e extrae do traballo académico diferentes montaxes que se
medirán co gran público. Para a primeira delas o pano do Teatro Principal subirá xa este
venres, ás 20.00 horas, co grupo de teatro Picariños. A súa será unha obra de teatrodanza que leva por título “Do revés”.
O sábado a convocatoria é dobre, case tripla. E é que o grupo de teatro EMAE ofrecerá
pola mañá o espectáculo “Cronoestrada S.L.U”, no que os actores e actrices brindan un
roteiro teatralizado por distintos espazos da vila e historia estradense. O punto de
encontro para os espectadores, case convertidos en grupos turísticos, será a Praza da
Feira. Avanzarán polo percorrido (Porta do Sol, Rúa Ulla, Rúa Calvo Sotelo e Praza de
Galicia) en hasta seis quendas de 15 persoas cada unha. As seis remesas sairán cunha
diferenza de 6 minutos, tres delas dende as 11.00 horas e outras tantas dende as 12.00.
Cada ruta terá media hora de duración.
Convites e puntualidade
Para participar nestes roteiros teatralizados é preciso retirar previamente convite no
departamento municipal de Cultura, escollendo entre a quenda das 11.00 e a das 12.00.
A maiores, pídese ao público que se presente con 10 minutos de antelación, rogando
total puntualidade, xa que a saída de cada un deles non pode demorarse para non
entorpecer as posteriores saídas programadas.
A Mostra de Artes Escénicas continúa ás 20.00 horas do sábado coa a estrea de “Grease.
O Musical”, do grupo de teatro Xuvenil da EMAE. Será unha aposta na que as
coreografías terán un peso especial para achegar ao público unha versión deste
coñecido título.
Xa o domingo, 1 de xuño, será o Grupo de Danza+ o encargado de baixar o pano da
mostra. Ás 19.00 horas, novamente no Teatro Principal, porá en escena “As horas
invisibles”.
Xosé Lueiro explicou hoxe que nalgunhas destas montaxes os propios directores se
converten en personaxes e interactúan co elenco. Ademais, sinalou que todos os
alumnos da EMAE serán público para as montaxes dos demais grupos. “É parte da aposta
por amosar o talento xurdido da escola. Foi unha elección formal, pero
conceptualmente vai ser moi interesante”, estimou o director da escola. “A figura do
profesor é substituída por un director ou directora de escena e aplícase todo o proceso
de montaxe, tanto dende o punto de vista técnico como da propia posta en escena. O
resultado é moito máis que unha exhibición”, sinalou.
Con 23 anos de rodaxe, a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada está
conformada actualmente por uns 80 alumnos, entre os seus 4 grupos e a unidade de
produción. O centro leva un ano somerxido en apostas de gran calado. Foi o caso de
“Celtas con filtro”, “Os seráns en Vilancosta” ou unha zarzuela que chegará despois do
verán, en colaboración coa Coral Polifónica Estradense.







































